Axenda de setembro

A miúdo, o mes de setembro esperta en nós sentimentos ambivalentes. Tanto o odiamos por sinalar o final do verán como o veneramos por devolvernos á comodidade dos horarios, das pautas, da mecánica rutina que é en si mesma outra maneira de abandono e descanso. Así que, dispostos a resolver esa tensión íntima (imposible loitar contra a evidencia: atrás quedaron as vacacións xa) do mellor xeito posible, enchemos a axenda para as próximas semanas de citas incriblemente motivadoras.

Porque non é o mesmo dicirlle adeus á temporada estival cun sorriso, tomamos nota do derradeiro gran festival musical desta e vestímonos para a ocasión (ou non), buscamos unha particular terapia relaxante para afrontar con serenidade a costa de setembro e apuramos para non perder a oportunidade de presenciar a nova xenialidade de Björk en primeira persoa.

Con todo isto no horizonte, quen pode aínda sentir nostalxia do verán?

DCode Festival

Comeza setembro no DCode Festival

A axenda de concertos ao aire libre durante os meses de verán é tan ampla que, ás veces, desexariamos ter o don da ubicuidade para non perder ningún. Pero se hai un de asistencia case obrigatoria é o DCode Festival, pola simple razón de que é o que pon o punto e final á temporada no circuíto nacional. Nunha única xornada, conseguirá reunir algúns dos grupos e solistas máis cobizados, ben sexa da escena indie ou mainstream. Se Franz Ferdinand encabezan o cartel, a cousa non decae con The Kooks, Liam Gallagher ou Iván Ferreiro. Entradas aínda dispoñibles.

Cando: 09/09/2017

Onde: Campus da Universidade Complutense. Madrid

Máis info: dcodefest.com

Björk Digital

Ata finais de setembro pódese visitar este espectáculo

Dicir que Björk é unha artista especial é unha obviedade. Fai anos que a islandesa deixou de ser unha intérprete de cancións para converterse nunha performer, facendo gala dunha marabillosa intuición experimental que a leva a producir verdadeiras xoias creativas. O soporte dixital é hoxe o seu maior aliado, un terreo prolífico grazas ás súas infinitas posibilidades técnicas e á riqueza da súa linguaxe. Da práctica musical máis alá dos límites do ordinario trata a última proposta artística de Björk, da que se pode gozar ata finais de setembro no CCCB.

Cando: 14/06/2017 – 24/09/2017

Onde: CCCB (Centre de Cultura Contemporània de Barcelona). Barcelona

Máis info: bjorkdigital.cccb.org

Vogue à colorier

Este setembro, terapia de relaxación con 'Vogue'

Despois de que en 2015 coñeceramos a Johanna Basford e o seu súper vendas El jardín secreto, as terapias anti-estrés non volveron ser o mesmo. Os libros para colorear, que ata entón asociabamos coa infancia, transformáronse nunha tendencia global con milleiros de convencid@s usuari@s. Mandalas e debuxos florais inundaban eses cadernos, ata que en 2016 a revista Vogue decidiu entrar no xogo e darlles un toque de glamour e estilo. A súa edición francesa é a promotora de Vogue à colorier, cuxo segundo volume vén de ver a luz en xuño de 2017. Contén ilustracións do deseñador Marc- Antoine Coulon que reviven momentos clave da historia da moda desde os anos 50 ata a actualidade a través da óptica da revista.

El cuerpo vestido. Siluetas y moda (1550 – 2015)

Unha interesante exposición de moda para ver en setembro

Esta exposición, inaugurada en 2008 no Museo Tèxtil i d’Indumentaria, leva sendo a estrela do Museu del Disseny desde a súa inauguración en 2014. Así o recoñece una das comisarias da mostra, Silvia Ventosa. E é lóxico, tendo en conta o seu carácter monumental. Está dividida en cinco seccións, seguindo as funcións que historicamente se lle atribuíron ás prendas: ampliar, reducir, alongar, perfilar e revelar. Composta por máis de 100 obras, El cuerpo vestido. Siluetas y moda é unha panorámica privilexiada da evolución do vestir e do deseño en Occidente nos últimos catro séculos.

Cando: Permanente

Onde: Museu del Disseny. Barcelona

Máis info: ajuntament.barcelona.cat