Axenda de xaneiro

Estreamos mes, ano, e, para estar á altura de tanta estrea concentrada, inauguramos a axenda de 2018 cunha manchea de propostas para o lecer destas primeiras semanas. Para animar a costa de xaneiro e crear o clima ideal para cumprir a única boa resolución de Aninovo que deberiamos ter tomado -a de espremer ao máximo cada segundo das nosas vidas-, velaquí unha serie de plans escollidos con mimo.

Entre a tenrura que nos inspira o último proxecto cinematográfico de Julia Roberts e o belisco de morriña que nos dá o paso da exposición de Harry Potter poo noso país, cóanse na nosa axenda de xaneiro outras citas que compensan a volta á infancia. Toma nota, e, sobre todo, prepárate para levalas á práctica.

Wonder

Na axenda de xaneiro 2018, 'a película Wonder'

August Pullman, Auggie, é un neno diferente. E non só porque nacese cunha deformidade facial que fai que a xente na rúa o observe e o sinale -que tamén-, senón, sobre todo, pola súa firme determinación de impedir que iso condicione a súa vida. Protexido pola súa nai (Julia Roberts) e o seu pai (Owen Wilson), Auggie medra dentro do seu casco de astronauta, entre algodóns, ata que a escola pública se cruza no seu camiño. Alí, demostrará que a normalidade está demasiado valorada. Imposible encaixar cando un está feito para sobresaír.

Cando: 01/12/2017 –

Onde: Cines e multicines (consultar carteleira)

Máis info: wonder.movie

Harry Potter: The Exhibition

A exposición de Harry Potter, na axenda de xaneiro

Pouco importa que en 2017 se cumprisen vinte anos desde a publicación de Harry Potter e a pedra filosofal ou que @s primeir@s lectores/-as da saga xa pasen dos trinta. O fenómeno suscitado non ten visos de envellecer nin perder folgos. Proba diso son as peregrinacións ao andén 9 3/4 da estación de King’s Cross (Londres) ou aos estudos Warner onde foron rodadas as películas. Mais a insaciable curiosidade d@s fans ten agora un novo estímulo, e, desta volta, sen saír de España. Harry Potter: The Exhibition trae parte da maxia dos libros de J. K. Rowling e a súa versión cinematográfica, con recreacións de espazos míticos, obxectos de culto e centos de fascinantes detalles. Para vell@s e nov@s admiradores/-as do universo Hogwarths.

Cando: 18/11/2017 – 02/04/2018

Onde: Pavillón 1, IFEMA. Madrid

Máis info: harrypotterexhibition.es

SHE: muses, visionaries and madcap heroines

Na axenda de xaneiro, un libro-xoia de Kate Spade

Por desgraza, o interese que espertan os coffee table books é a miúdo inversamente proporcional ao seu prezo. Estas obras preciosistas, perfectas para completar a decoración dun cuarto facendo gala de gusto e posibles, ofrecen escasas sorpresas. Ou ofrecían, porque a novo volume asinado pola sempre irreverente marca de accesorios Kate Spade promete ser a excepción que confirma a regra. SHE: muses, visionaries and madcap heroines é un manifesto feminista cunha potente estética. Fotografías, citas e perfís de mulleres reais e ficticias como Carrie Bradshaw, Gloria Steinem, Georgia O’Keeffe, Peggy Guggenheim, Pat Cleveland, Leandra Medine, Chimamanda Ngozi Adichie ou Dolly Parton son reclamo dabondo para botarlle unha ollada.

SHE: muses, visionaries and madcap heroines. Harry N. Abrams. Nova York, 2017. 240 páxinas.

Billy Elliot. El musical 

O musical 'Billy Elliot', na axenda de xaneiro

Na Inglaterra de Margaret Thatcher, en plena vaga de folgas da minería, o inquedo Billy Elliot descubre a súa paixón pola danza. Esta actividade, considerada tan pouco masculina no seu ambiente, será o eixe dunha historia que, desde 2005, leva colgando o cartel de “non hai entradas” no Victoria Theater de Londres. Con Natalia Millán, Adrián Lastra e Carlos Hipólito á cabeza, a adaptación española do maior éxito musical da última década no Reino Unido vén revitalizar a escena da Gran Vía madrileña.

Cando: 05/10/2017 –

Onde: Nuevo Teatro Alcalá. Madrid

Máis info: billyelliot.es