Axenda de xaneiro

Tralas noites de troula e as comidas en familia, vai sendo hora de pasar páxina e “resetear” o noso organismo. Iso si, a volta á rutina non significa renunciar á diversión. Se queres que este xaneiro sexa algo máis que o mes dos bos propósitos (que nunca cumprirás), das rebaixas e do deprimente “Blue Monday”, colle a axenda e toma nota.

Velaquí as citas imprescindibles para as próximas semanas. Xa sexas afeccionad@ aos museos ou ao cine, á lectura ou á danza, temos unha proposta para ti. Mesmo nos atrevemos a poñerche os dentes longos con propostas para foodies. Oído cociña!

“Distinción. Un siglo de fotografía de moda”

Exposición sobre fotografía de moda

Non só de Mario Testino e Annie Leibovitz viven os editoriais de moda. E para mostra, esta exposición temporal no Museu del Disseny de Barcelona. Descubre a maxia das campañas de moda desde os seus inicios ata a actualidade en 160 fotografías do seu arquivo.

Cando: 26/11/2015 – 27/03/2016

Onde: Museu del Disseny de Barcelona. Salón B

Máis info: museudeldisseny.cat

La Novia

"La Novia" é a película do momento

Paula Ortiz dirixe a que vai camiño de se converter na película da temporada no noso país. Baseada na obra de teatro de García Lorca Bodas de sangre, La Novia é a historia dun drama tan antigo coma a humanidade: a loita entre o deber e o querer, entre a sociedade e o instinto. Cun cartel de luxo e unha estética poderosa, non te deixará indiferente.

Cando: 11/12/2015 –

Onde: En cines e multicines

Máis info: facebook.com/La-Novia

Gastrofestival

Logotipo de Gastrofestival, cita gastronómica madrileña

Poida que sone a contradición, pero a gastronomía non é só comida. E se non, que llo digan aos organizadores de Madrid Fusión e ao concello de Madrid, que promoven unha nova edición de Gastrofestival. Arte, cine, literatura e moda súmanse á gastronomía nun programa cheo de actividades que se desenvolverán ao longo de 2 semanas na capital e que levarán a firma de 400 establecementos de hostalería, estrelas Michelin incluídas. Rico, rico.

Cando: 25/01/2016 – 07/02/2016

Onde: Todo Madrid

Máis info: gastrofestivalmadrid.com

Cicatriz

"Cicatriz", última novela de Sara Mesa

Sara Mesa vén de gañar o premio El Ojo Crítico de Narrativa coa súa cuarta novela, Cicatriz. E para celebralo, que mellor que reler esta obra na que os espazos e acción se reducen á mínima expresión. Un amor pouco convencional, unha relación nacida na Internet, tórnase nunha cadea literal e metafórica da que a protagonista loitará por liberarse. Nada é o que semella nesta historia sufocante que nos descubre a unha das autoras imprescindibles do noso tempo.

Mesa, Sara. Cicatriz. Anagrama, “Narrativas hispánicas”. Barcelona, 2015. 194 páxinas.

“Edvard Munch. Arquetipos”

Exposición "Edvard Munch. Arquetipos"

Munch foi un artista radical, cunha linguaxe visual inquedante. Mais, por enriba de todo, foi o pintor das emocións humanas. E así nolo presentan -por primeira vez en España- nunha das exposicións máis interesantes dos últimos tempos no Museo Thyssen-Bornemisza. Anímate a descubrir a Munch máis aló de “O berro”.

Cando: 01/10/2015 – 17/01/2016

Onde: Museo Thyssen-Bornemisza. Madrid

Máis info: museothyssen.org

El amor brujo

Chega "El amor brujo" de Manuel Falla

Amor, bruxería, seducción e morte mestúranse nesta obra composta por Manuel de Falla a principios do século XX. Unha historia atemporal, chea de dramatismo, que a Compañía de Víctor Ullate- Comunidad de Madrid  versiona cunha coreografía de gran beleza que incorpora tres cancións populares do propio Falla, por exemplo.

Cando: 16/01/2016

Onde: Teatro Afundación. Vigo

Máis info: entradas.ataquilla.com