Axenda de xullo

Sexas de praia ou de montaña, de ler á sombra ou de pasar a xornada a remollo na piscina, na axenda de xullo atoparás algunha proposta para o lecer que che encha o ollo.

Facemos unha escapada a Londres para admirar a exposición con máis estilo do ano, poñémonos tenr@s coa lectura da que se anuncia como a novela deste verán en España e comezamos a preparar o equipamento para ir gozar en setembro do festival de música por excelencia da escena galega.

Seguro que, despois de tanto acontecemento, o corpo tamén vai pedindo unha dose de calma, polo que nunca está de máis ter algún plan b en clave caseira nen agochado na manga. A solución, da man do último en streaming. Non podía ser doutro xeito.

Anota na túa axenda de xullo todas estas citas; este verán, a diversión corre da nosa conta.

“Diana – Her fashion story”

Exposición sobre Diana de Gales na axenda de xullo

Se naciches antes dos ’90, probablemente teñas grabadas na memoria algunhas imaxes icónicas de Diana Spencer: o seu pomposo vestido de noiva, o traxe de satén azul petróleo, os seus desenfadados vaqueiros con camisa. A Princesa de Gales, que pasou de ser unha mociña apoucada a unha diva mediática, foi un prototipo de influencer, toda unha referencia en materia de estilo e maneiras. A súa transición estética e a eclosión diante do obxectivo de Mario Testino son as protagonistas da particular homenaxe que o Palacio de Kensington lle rende agora que se cumpren 20 anos do seu pasamento. Porque a historia de Diana de Gales é, en parte, unha historia de moda.

Cando: 24/02/2017 –

Onde: Palacio de Kensington. Londres

Máis info: hrp.org.uk

Feud: Bette and Joan

O novo éxito da HBO, na axenda de xullo

A HBO aterrou en España con toda a súa artillería pesada. Boa proba diso é o lanzamento de Feud: Bette and Joan, unha das series do momento en Estados Unidos, e que agora podemos gozar tamén nós en streaming. O argumento ten o seu morbo: Susan Sarandon e Jessica Lange encarnan os encontros e desencontros de dúas grandes actrices do Hollywood dourado: Bette Davis e Joan Crawford, respectivamente. Coa rodaxe de ¿Qué fue de Baby Jane? como pano de fondo, esta primeira temporada de Feud recrea as miserias das súas existencias, loitando contra o sexismo, a misoxinia e o paso do tempo. Entretida e coa dose xusta de profundidade.

Cando: 05/03/2017 –

Onde: Dispoñible en streaming

Máis info: es.hboespana.com

El encanto

Na axenda de xullo incluímos o libro do verán

Os escaparates das librarías están a tinguirse de motivos tropicais, e non precisamente porque decidisen seguir as tendencias en estampados. Tanto colorido débese, simplemente, á chegada fai uns meses de El encanto, a novela coa que a guionista Susana López Rubio debuta. Un mozo asturiano, Patricio, marcha a Cuba na procura das oportunidades que se lle negan na España dos anos ’50. Alí coñecerá desde dentro os grandes almacéns El encanto, unha fervedoira de xente e experiencias, onde atopará un amor prohibido que cambiará o seu destino.

Pérez Rubio, Susana. El encanto. Espasa Libros. Madrid, 2017. 448 páxinas.

Festival da Luz

O Festival da Luz é un imprescindible do verán galego

Boimorto en setembro é xa sinónimo do Festival da Luz. Na súa sexta edición, esta cita imprescindible da fin do verán en Galicia continúa apostando por un cartel ecléctico co que atraer un amplo abano de público. Jarabe de Palo, Rulo y la contrabanda, No me pises que llevo chanclas ou Eladio y los seres queridos son só algúns dos nomes que figuran no cartel. Ademais, haberá espazo para a gastronomía, o teatro e a cultura en toda a extensión da palabra. O mellor? O compromiso solidario detrás de tanta festa. Este ano, a recadación irá destinada a Oncomet.

Cando: 08/09/2017 – 10/09/2017

Onde: Boimorto. A Coruña

Máis info: festivaldelaluz.es