Axenda de xullo

Xuntar as palabras “xullo” e “axenda” nunha mesma oración semella certamente contraditorio. O primeiro mes completo do verán, inicio das vacacións para moit@s, se a algo invita é a esquecer o reloxo, as citas, os compromisos e todas as cousas serias e importantes que enchen as rutinas diarias durante once meses ao ano.

Para reconciliarnos coas estresantes axendas mesmo cando non temos na cabeza máis ca ganas irresistibles de botalas ao mar e liberarnos da súa ditadura, nada mellor que convertelas no aliado ideal para organizarnos no tempo de lecer. A axenda de xullo é probablemente a máis agardada do 2016. Espremámola como se merece: ao máximo.

“Joséphine Douet. Coutures”

Joséphone Douet protagoniza unha exposición no Museo del Traje

Fotografía e moda están intimamente ligadas. Antes de que a era dixital cambiase as regras de xogo, @s fotógraf@s eran @s mellores aliad@s d@s deseñadores/-as. É difícil definir que é a moda, pois a definición depende do ollo que a observa, mais se alguén pode axudarnos a achegarnos ao seu fondo, á súa esencia, esa é a fotógrafa Joséphine Douet. Do seu tempo entre costuras aliméntase agora esta exposición imprescindible.

Cando: 01/06/2016 – 18/09/2016

Onde: Museo del Traje. Madrid

Máis info: museodeltraje.mcu.es

Love Festival

O nome sona a xuntanza hippie, pero é o festival do verán en Galicia

Se Galicia está a se facer un oco no eido dos festivais de música a grande escala é en parte grazas a citas como o Love Festival. Silleda acollerá a finais de mes tres días de concertos en vivo da man dalgúns dos principais grupos e djs do panorama nacional. O cartaz está cheo de nomes que -ben seguro- cumprirán sobradamente coas expectativas d@s que se fagan cun abono para o festival. Love it!

Cando: 28/07/2016 – 30/07/2016

Onde: Silleda

Máis info: tickets.lovefestivalsilleda.com

Alicia a través del espejo

Lewis Carroll volve ás pantallas nunha nova revisión das aventuras de Alicia

A estrea de Alicia a través del espejo foi unha das máis agardadas desta primavera. A fantasía argallada por Lewis Carroll no século XIX non perde nin chisco de actualidade, e esta especie de secuela demóstrao. Chea de ingredientes que prometen seducir tanto a grandes como a pequen@s, o seu prato forte é o sempre histriónico Johnny Depp. Poida que a película non teña madeira de clásico, pero si para ser carne de cine de verán.

Cando: 27/05/2016 –

Onde: Cines e multicines

Máis info: peliculas.disney.es

“A indumentaria”

O Museo do Pobo Galego ten unha exposición permanente sobre a roupa tradicional

Din que para entender o que somos é preciso saber de onde vimos, e iso tamén é extensible ao mundo da moda. Porque todo volve e o deseño móvese en períodos cíclicos, o Museo do Pobo Galego ofrécenos a oportunidade de botar a vista atrás e coñecer de preto a roupa de diario e de festa que vestían @s nos@s anterg@s. Un bo punto de partida para seguir evolucionando e innovando, quen sabe se reinventando os antigos traxes d@s avós e avoas.

Cando: Colección permanente

Onde: Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela

Máis info: museodopobo.gal