Axenda de xuño

O comezo do verán trae consigo un lixeiro cheiro a naftalina. Afastámonos un chisco das cacharelas de San Xoán, as primeiras xornadas de prais e o soñar espert@s coas vacacións que se aproximan para encher a axenda de xuño de citas imprescindibles cun denominador común: a nostalxia.

Este mes, rendémonos ante o encanto das singulares experiencias das primeiras mulleres telefonistas, pioneiras do traballo feminino en España; e atopamos a excusa perfecta para desempoar os discos de Bowie e deixarnos levar polo seu recordo despois de visitar a primeira grande exposición de tributo tralo seu pasamento.

Mais, que sería da axenda de xuño se non contivese tamén plans de futuro (e presente)? Por iso, quixemos viaxar ata Italia para ver un filme de récord que vén de desembarcar no noso país, e ao Reino Unido para ler antes que ninguén o agardado segundo libro de Paula Hawkins.

Este verán promete; e estes plans para o lecer das súas primeiras semanas, tamén.

David Bowie Is

Chega a Barcelona a exposición de Bowie

O Victoria & Albert Museum de Londres é o responsable desta mostra sobre o mítico cantante inglés, que, na súa xira internacional, fai unha breve parada en Barcelona. No Museu del Disseny reúnense ata finais de xullo uns 300 obxectos relacionados co Duque Branco, desde fotografías a portadas de discos, manuscritos de cancións, pezas de vestiario ou material inédito dos seus concertos. Unha ocasión inmellorable para botarlle unha ollada de preto ao arquivo de Bowie, unha das figuras musicais e culturais máis influíntes do século XX.

Cando: 25/05/2017 – 30/07/2017

Onde: Museu del Disseny. Barcelona

Máis info: ajuntament.barcelona.cat

Las chicas del cable

"Las chicas del cable", tamén na axenda de xuño

Anos ’20, nun Madrid en plena transformación, catro mulleres novas entran a formar parte da primeira fornada de traballadoras de compañía telefónica nacional. As vidas destas pioneiras é a fonte de inspiración para esta produción orixinal de NetflixLas chicas del cable, coa que a plataforma de películas e series en streaming pretende entrar pola porta grande en España, ten por protagonistas a Blanca Suárez, Ana Fernández e Nadia de Santiago. Paga a pena darlle unha oportunidade.

Cando: 28/04/2017 –

Onde: Dispoñible en streaming

Máis info: netflix.com

Escrito en el agua

Paula Hawkins, protagonista da axenda de xuño

En 2015, Paula Hawkins converteuse nunha das autoras de moda grazas á súa novela de debut, La chica del tren (e a súa posterior adaptación cinematográfica). Dous anos máis tarde, volve para confirmar que é unha das raíñas da grip lit actual. E faino, como non, cun novo thriller. A protagonista deste, Jules, vese acosada polos remorsos, polas lembranzas, por un turbio pasado ao que pertence a súa irmá morta. Mais, sobre todo, aflíxea a auga. Porque nela agóchase a verdade sobre o suicidio daquela. Porque debaixo da súa superficie en calma, non sabe que agarda por ela.

Hawkins, Paula. Escrito en el agua. Planeta. Barcelona, 2017. 560 páxinas.

Un italiano en Noruega

Na axenda de xuño, un filme italiano

O cine social xa non é o que era. Atrás quedaron as sisudas películas, con altas doses dramáticas e un pouso incómodo. A análise da actualidade revístese agora de tics de comedia, con moita ironía e doses de autocrítica. Porque hai épocas nas que hai que rir por non chorar. Para mostra, Ocho apellidos vascos e a súa secuela, Ocho apellidos catalanes. Desde Italia, chega agora un filme nun formato moi similar. O periplo de Checco, emigrado en Noruega por motivos laborais en plena crise, resulta incriblemente familiar. Cómico e amargo a partes iguais.

Cando: 28/04/2017 –

Onde: Cines e multicines

Máis info: acontracorrientefilms.com