Biblioteca básica para neo-feministas

Velaquí unha lista de libros de temática neo-feminista

O feminismo está no aire. Se durante anos se viu confinado ao eido da discusión académica e ao activismo, nos últimos tempos a palabra tabú que comeza por “f” (iso que nos EEUU denominan “the “f” word” como se a súa soa mención fose desencadear un ataque nuclear) escóitase alta e clara nas máis diversas canles e soportes.

Chimamanda Ngozi Adichie pronunciou a xa célebre frase “tod@s deberiamos ser feministas”, Maria Grazia Chiuri transformouna en tendencia estampándoa nunha camiseta de Dior e os camiños inescrutables da globalización fixeron o resto.

E agora que a conversa sobre o que significa ser mulleres nun mundo gobernado pola mentalidade patriarcal volveu prender, nada como a cultura para mantela viva. Cos libros como combustible, velaquí unha breve introdución ao feminismo para neófit@s.

Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes

Algunha vez te detiveches a analizar a carga ideolóxica que se filtra entre as liñas de tantos e tantos relatos infantís transmitidos de xeración en xeración? Os contos populares, como os recollidos por Perrault ou os irmáns Grimm, lonxe de ser asépticos e inocentes nas peripecias que narran, constitúen unha ferramenta de fixación de roles e estereotipos de xénero desde a tenra infancia. As figuras femininas son bonitas, algo parvas, sempre pasivas e á agarda dun salvador… masculino. Eles, pola contra, viven aventuras sen fin, posúen intelixencia e conquistan o que se propoñen.

'Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes', libro neo-feminista

Para desmontar esa perversa imaxe duns e doutras, Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes compila un cento de biografías femininas máis ou menos coñecidas destinadas a inspirar ás nenas e aos nenos e facerlles soñar sen despegar os pés do chan. Para que a Bela dormente deixe de ser o único referente de muller que atopen nos seus libros.

Favilli, Elena e Francesca Cavallo. Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes. Destino Infantil & Juvenil. Barcelona, 2017. 224 páxinas.

Pioneiras

Seguindo o camiño de substituír as princesas por mulleres de carne e óso que sobresaíron no seu tempo para logo seren condeadas á periferia da Historia, vén de publicarse este delicioso álbum ilustrado. Anaír Rodríguez Rodríguez a cargo do texto e Nuria Díaz e a súa inconfudible técnica nas imaxes presentan unha pequena selección de figuras femininas e galegas que marcaron un antes e un despois en eidos moi diversos.

'Pioneiras' reivindica o papel das mulleres galegas en moitos eidos

Porque nunca é tarde para aprender que unha das primeiras correspondentes de guerra naceu en Galicia, como unha das primeiras navegantes ou futbolistas; Pioneiras non entende de idades. Vai sendo hora de devolverlles o mérito que lles foi roubado, reivindicar o valor da súa memoria e, sobre todo, aprender do seu legado.

Rodríguez Rodríguez, Anaír e Nuria Díaz. Pioneiras. Edicións Xerais de Galicia. Vigo, 2018. 32 páxinas.

Morder la manzana

O feminismo non é o heterónimo de machismo. Nin de lonxe. Para entender realmente que significa esta corrente de pensamento, esta actitude vital, é esencial contar cunha certa perspectiva sobre a súa evolución, as súas bases e os seus obxectivos. Ademais de lecturas xa clásicas como Betty Friedan, Simone de Beauvoir, Julia Kristeva ou Susan Sontag, existe unha manchea de manuais de divulgación que poden axudar na tarefa.

Leticia Dolera fainos reflexionar co seu 'Morder la manzana'

Un dos últimos en chegar ao mercado é Morder la manzana, onde a actriz, directora e guionista española Leticia Dolera verte as súas reflexións sobre a condición das mulleres na sociedade actual, mesturándoas con contidos de natureza autobiográfica e unha boa dose de material bibliográfico. Unha aproximación ao activismo neo-feminista de fácil dixestión e con aspiracións de axitar conciencias.

Dolera, Leticia. Morder la manzana. Editorial Planeta. Barcelona, 2018. 288 páxinas.

Querida Ijeawele, o cómo educar en el feminismo

Elaborar unha lista de libros para neo-feministas e non incluír nela a Chimamanda Ngozie Adichie sería deixala coxa. Porque a escritora nixeriana é moito máis que Todos teriamos que ser feministas (Sushi Books, 2017), optamos por un texto algo menos mediático: Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo.

Chimamanda Ngozi Adichie é unha das caras neo-feministas máis visibles

No seu característico estilo, tan cálido como directo, fai unha nova reflexión sobre a necesidade de educar desde o nacemento no respecto, a igualdade e o amor polas orixes e a cultura propias. A través dunha carta dirixida a unha nai ficticia que vén de dar a luz, fai unha defensa da loita por unha sociedade máis xusta, rexeitando os estereotipos, abrazando as diferenzas e mesmo o fracaso.

Adichie, Chimamanda Ngozi. Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo. 2017. 97 páxinas.

Por qué no soy feminista

Poida que, así dito, soe como a antítese do espírito deste artigo. Porén, este súper vendas de Jessa Crisspin pon sobre a mesa novos elementos de debate que non convén pasar por alto. Porque, para ela, cuestionar o femininismo actual non consiste en negar a lexitimidade dos seus principios, senón chamar á recuperación da ortodoxia dos mesmos.

Aínda que soe iconoclasta, este manifesto é pura ortodoxia

Por qué no soy feminista é unha defensa pechada do movemento de liberación das mulleres e do seu significado, diluído no tempo segundo ela a prol dunha interpretación máis superficial, banal e educada das reivindicacións. Jessa Crisspin demanda, pois, a volta ao espírito combativo e ao desafío do statu quo.

Crisspin, Jessa. Por qué no soy feminista. Lince Ediciones, 2017. 112 páxinas.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @paulabonet, @nuria_diaz