Bloggers rebeldes con causa

Ser blogger non implica ser frívolo

Un blog é máis ca un simple diario en liña, máis ca unha bitácora persoal. Ese espazo indefinido, que xurdiu no rompente da Internet e se popularizou fai algo máis dunha década, é un altofalante. Porque se para algo serve este formato é para expresarse, para facerse oír.

Nese discurso íntimo cabe desde o contido máis frívolo ao máis comprometido. Cada blogger é abandeirad@ da súa propia causa. E cando a liberdade de expresión e os dereitos humanos se converten no eixo da mesma, cando esa pequena fiestra se transforma nunha canle para a denuncia social ou política, asistimos á sublimación da comunicación na era 3.0.

Á hora de analizar o chamado “fenómeno blogger“, a miúdo caemos na tentación de simplificalo e reducilo aos lindes das bitácoras de moda, tendencias e entretemento. É innegable que en termos absolutos representan unha porcentaxe moi elevada dos contidos que se publican na Rede. O seu número é directamente proporcional ao volume de tráfico que xeran, converténdose nun caladoiro estratéxico para as empresas que traballan no eido da monetización das actividades online. A figura d@s digital influencers (que perciben cartos a cambio de facer promoción directa ou indirecta de produtos nas súas webs ou perfís públicos) é unha mostra da dimensión socioeconómica actual deste formato de bitácora.

Mais se comparasemos o eido dos blogs cun organismo vivo, deseguido percibiriamos que por debaixo desta primeira capa de pel, a máis externa e superficial, se agochan outras que constitúen unha especie de epiderme, profundas e inaccesibles ao ollo común se non é mediante un proceso que as visibilice. Do mesmo xeito, na Rede hai todo un tecido de voces que botan man dos recursos propios d@ “egoblogger” para tomar posición con respecto a temas especialmente sensibles. É a cara reivindicativa e comprometida da actividade blogueira. Esa que nos lembra que aínda quedan batallas que librar e causas lexítimas que abrazar para conseguir sociedades máis xustas e igualitarias.

Aló polo 2008, mentres en España Gala González poñía a andar AMLUL, o blogueiro iraní-canadense Hossein Derajshan era detido e encarcerado en Teherán. Paralelamente, a Burma Media Association denunciaba a situación do birmano Nay Phone Latt, vítima de duras represalias por criticar no seu blog o goberno militar. Derajshan levaba anos burlando a censura do réxime dos aiatolás. Entre os delitos que se lle imputaban estaba a publicación de instrucións en persa para a creación dunha bitácora, de crónicas sobre Israel e a situación do seu pobo, e outras mostras de “propaganda contra o sistema islámico“. No 2011, o chamado “The Blogfather” foi condenado a 19 anos de cadea, que cumpre no cárcere de Evine, na capital iraní.

Raif Badawi, exemplo de blogger activista
As voces disidentes son perseguidas polos réximes autocráticos

Poida que as súas voces públicas se apagasen, mais o xerme da súa acción subversiva prendera en activistas coma Raif Badawi, da próxima Arabia Saudí. No marco dunha monarquía absoluta de corte islámico radical, ousou crear un foro dixital para a conversa e o debate político que foi tildado de insulto ao islam e pechado no 2012. Velaquí unha pequena pílula das súas controvertidas reflexións:

No momento en que un pensador comeza a dar a coñecer as súas ideas, verás que un cento de fatwas o acusan de ser un infiel só porque tivo o valor de polemizar arredor dalgúns “temas sagrados”. Preocúpame de verdade que os pensadores árabes marchen á procura de aire fresco e para escapar da espada das autoridades relixiosas.

A secularización era o seu cabalo de batalla, e Youtube a trincheira desde a que loitou para poñer negro sobre branco acontecementos e temas polémicos que as canles de comunicación ordinarias esquecen a miúdo. Antes de ser levado a xuízo, publicou unha serie de vídeos nos que poñía en dúbida a lexitimidade do proceso. En 2013 foi condenado a 7 anos de prisión e 600 lategazos. 2 anos máis tarde, a sentencia revisada establecía que había de cumprir 10 anos e 1.000 lategazos.

Coma Derajshan, Phone Latt e Badawi, ducias de blogueir@s, intelectuais e xornalistas son perseguid@s por réximes autoritarios de todo o mundo. Movid@s pola súa sede de liberdade e o seu compromiso cos valores democráticos, poñen en perigo a súa integridade persoal e mesmo arriscan as súas vidas para denunciar os abusos do poder. Son voceir@s dos seus pobos, heroes e heroínas de carne e óso.

Mais o compromiso non só se deixa ver en blogs de corte sociopolítico. Nos últimos meses está a agromar con forza unha corrente protagonizada por rapazas europeas que profesan a fe musulmá e que desexan conciliar as leis islámicas coa súa paixón pola moda e as tendencias occidentais. Ao seu xeito, tentan representar a cara progresista e aberta do islam, rebelándose fronte o fanatismo sen deixar de lado as súas crenzas.

O compromiso coas súas raíces inspira ás bloggers musulmás
Occidente e Oriente fusiónanse grazas ás ‘hijab bloggers’

A belga Sarah Dimani, é toda unha sensación en Instagram. Despois de participar no “docu-film” de Danielle Regout Hijab Unravelled (traballo co que tentaba achegarse ao significado que esta prenda ten -máis aló das evidentes connotacións relixiosas- para as que a visten), fixo do seu perfil nas redes unha plataforma para a normalización da imaxe da muller musulmá en Occidente. Segundo ela,

as musulmás precisan un “ídolo”, un exemplo que as aconselle non só no mundo da moda, senón tamén en áreas como a educación, o traballo ou as súas metas personais. Quen pense que o hijab é restrictivo está completamente equivocado. As mozas musulmás hoxe en día somos independientes e capaces de marcar tendencia.

Outra das chamadas “hijab bloggers” é a exipcio-británica Dina Torkia, responsable dun blog homónimo no que se poden atopar desde a clásica fórmula do outfit diario ata consellos de beleza e maquillaxe. A un hijab de distancia de Gala González, a súa é unha revolta sutil, que fai da frivolidade a canle ideal para unha toma de posición.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @saraahdii;  @dinatokio / Flickr