“Blorange” is the new black: velaquí o ton do momento

O cabelo 'blorange' é tendencia

A paleta de cor dos tintes tradicionais é practicamente unha reliquia. Acabouse elixir entre o moreno, o louro, o roxo e o negro. Nos medios está a virtude e, agora, tamén a clave para un look rompedor. Despois de que o “bronde” reconciliase polos opostos alá por 2015, en 2017 vólvese falar dun ton mixto: o “blorange”. Nin laranxa nin louro, nin sequera rosado. A cor da de moda racha con fronteiras e matices.

Na lista de predicións de tendencias para este ano, no terro da estética brillaba con luz propia o “blorange”. Georgia May Jagger ou Gigi Hadid apuráronse a lucilo, levantando a veda da fascinación por esta tonalidade de cabelo. En pleno inverno, incendiaban as redes e prendían unha mecha que, no verán, colle folgos.

O 'blorange' luce así na melena de Gigi Hadid
Gigi Hadid tamén se apuntou a esta tendencia

En realidade, non é que sexa unha novidade nos salóns de beleza. De feito, o “blorange” considérase unha tradución formal e comercial do resultado de tinguir o cabelo louro de rosa e deixar que este vaia perdendo intensidade sen sometelo a ningún retoque. Esa cor esvaída, ese intervalo entre o tinte fresco e a súa versión final -que noutro tempo tería sido obxecto de contrariedade e insatisfacción- reivindícase como protagonista. E con razón.

Si, poida que este ton sexa un accidente; pero bendito accidente.

O 'blorange' ten semellanzas co 'rose gold'
O rosa dourado, parente afastado da tonalidade de moda

Está emparentado co coñecido como “rose gold”, aínda que, como apunta Daniele Sigigliano, director creativo do salón Blow Dry Bar de Madrid, engade “un toque máis luminoso e vibrante”.

Para conseguilo, a base máis recomendada é o louro -platino, se é posible-,  malia que sempre quede a opción de someterse a unha decoloración pola causa. Por fortuna, esta pouco ou nada ten que ver cos agresivos procesos de fai unhas décadas. A intensidade da cor final modúlase aplicando máis ou menos coloración. En xeral, téndese a buscar un efecto desgastado.

O “blorange”, considerado a versión millennial do cobreado de toda a vida, é moi, moi versátil. Casa ben con calquera corte e tipo de melena, e mesmo se adapta aos tintes anteriores. Pódese aplicar sobre a totalidade do cabelo ou, pola contra, limitar a innovación aos medios ou as puntas. Por que non usalo para crear unha especie de mechas californianas?

50 sombras de… “blorange”

Enténdese por “blorange” calquera cor de pelo que vaia do rosa ao louro, facendo escala no laranxa. Pero esa definición é, quizais, demasiado ampla. De aí que cobren tanta importancia os matices que adopta. Pódese inclinar, por exemplo do lado do melocotón, intenso e cálido. Ou adquirir un acabado metálico, máis frío e un tanto mate. Logo están os cabelos que gardan o rosa nas raíces e destinan o alaranxado ao resto, ou os que restrinxen o toque “blorange” ás puntas, degradando a cor de xeito progresivo. Ata aí o tocante ás bases louras. Para as morenas, a aplicación faise normalmente en forma de reflexos, máis discretos.

Velaquí un exemplo de cabelo 'blorange'
Rosa e laranxa mestúranse nunha explosión con matices melocotón

A revolución da cor está en marcha. O pelo de unicornio ou serea acada unha nova dimensión, arriscada, provocadora e chea de vitalidade.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @studiotez, @kennalandny, @saraihairwizard, @evalam_