Brinner, a última tendencia foodie

O "brinner" adapta o almorzo á cea

A moda de mesturar comidas e horarios e facer o mesmo cos seus nomes non rematou no xa famoso brunch –palabra que xorde de combinar os termos ingleses para denominar o almorzo e o xantar: breakfast e lunch–. Agora, o último berro en innovacións gastronómicas é o brinner. Adiviñas que menú e momento conxuga? O almorzo e a cea, ou, o que é o mesmo, breakfast e dinner. Trátase de cear o que habitualmente almorzamos.

Estarás pensando que isto xa o levas practicando unha morea de anos, porque… quen non ceou algunha vez unha boa cunca de leite con cereais? Aínda que si hai un oco para este socorrido manxar, sentimos dicirche que non es @ precursor/-a desta nova tendencia foodie. No brinner falamos de pratos un pouco máis elaborados e, sobre todo, moi atractivos á vista. Xa sabemos que á hora da verdade, unha combinación de cores acertada e unha boa presentación no prato ábrenlle o apetito a calquera.

De onde vén o brinner?

Un almorzo á noite? A idea xa seduce
Froita, ovos, verdura: todo vale nos almorzos nocturnos!

Estes innovadores almorzos nocturnos, como tantas outras tendencias foodies –lembra os cupcakes, os cronuts ou os smoothies–, chegan dos Estados Unidos. Nos barrios máis cool de Nova York, como o Upper East Side, proliferan desde hai tempo os restaurantes e hoteis que apostan por esta alternativa para a cea. Series coma Gossip Girl, nas que os protagonistas gozan duns almorzos de campionato, tamén teñen moito que ver na expansión do brinner por todo o mundo occidental.

Polo de agora, no noso país non hai moitos restaurantes que ofrezan o brinner como substituto da cea. Pode que o costume de ir de tapas ao rematar o día estea tan arraigado nas nosas rutinas culinarias que non deixe sitio a novas alternativas. O que si comeza a ser máis habitual son os locais que serven o brunch a calquera hora do día, o que podería calmar as nosas ansias de brinner.

Menús que desafían a lóxica nutricional

A carta é moi variada: tortiñas e torradas –doces ou salgadas en función das ducias de complementos que se lle poden engadir (desde as clásicas con manteiga e marmelada ou xarope ata o queixo de untar, o salmón afumado ou o xamón con tomate)- ovos beneditinos, boliños, bacon, tortilla francesa, iogur con froitas e cereais, etc. E todo isto acompañado de café, cacao, zumes ou batidos.

O "brinner" hipercalórico non é moi recomendable
Se es de contar calorías, esta tendencia non é para ti

Pero, ollo! Esta nova cita social vai totalmente en contra daquel refrán que di “almorza coma un rei, come coma un príncipe e cea coa un mendigo”. Está claro que o noso corpo non precisa o mesmo aporte calórico ao comezo que ao final da xornada, pero tamén é certo que nos países anglosaxóns cean moito máis cedo ca nós. Practicar o brinner a partir das 22.00 pode converterse nunha bomba de reloxería para o noso metabolismo.

Cuestións nutricionais á marxe, está por ver se nun futuro próximo acabaremos facendo cousas tan raras como quedar c@s amigos/-as para almorzar un sábado pola noite.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo / Fotos: Instagram @alsurcafe, @adamvodofsky, @georgeforemanco, @forkinpancakes