“Brocomole”: cando o guacamole se atopou co brócoli

O brocomole substitúe ás torradas con aguacate nas lista foodie

2015 foi o ano no que Instagram elevou á categoría de obra de arte as torradas de pan con aguacate. Desde entón, este froito pasou a ser un elemento imprescindible na dieta de tod@ auténtico foodie. Mais a velocidade de vértigo coa que xurden e pasan as tendencias fai que miremos ese petisco polo espello retrovisor mentres imos á cata da última delicia gastronómica: o “brocomole”.

Almorzar estendendo aguacate sobre unha rebanda de pan integral como se de Nocilla se tratase é tan last season. En California, terra da frivolidade cinematográfica mais tamén da vida saudable, despunta agora unha nova receita que vén reinterpretar o tradicional guacamole e as súas múltiples variantes. O obxectivo non é outro que seguir explorando e potenciando as propiedades nutricionais do aguacate e-para que negalo- seguir mantendo viva a chama desde fotoxénico produto.

En 2014, o chef John Rivera, dono do restaurante Rivera (L. A.), andaba á procura dun guacamole cun menor aporte enerxético cando decidiu probar a incorporarlle outro dos elementos esenciais da cociña healthy: o brócoli. O experimento tivo como resultado o “brocomole”, un plato con só unhas 20 calorías e cuxo sabor é definido como adictivo pol@s adept@s a el.

O "brocomole" é o aperitivo ideal para a xente saudable
Nin Kale nin matcha: a nova obsesión verde é o “brocomole”

Grazas ao poder de Hollywood como creador e transmisor das tendencias gastronómicas californianas, o “brocomole” non tardou en converterse nun aperitivo básico nas mesas de festas celebradas ao abeiro da industria do cine. O verán de 2016 foi o da súa consagración, dando o chimpo definitivo ás cociñas particulares. Fóra da súa aura cool, sen dúbida é o seu valor nutricional a súa mellor carta de presentación. Sendo o brócoli o seu ingrediente principal, contén vitamina C, betacaroteno, indoles, glucosinolatos e estimulantes das enzimas que contribúen a desintoxicar o corpo.

Preparando “brocomole”

O “brocomole” é un prato ben versátil, polo que admite múltiples variacións e toques persoais. Xeralmente prepárase ao xeito dos smoothies, é dicir, pasando os seus ingredientes pola licuadora. Engade un brócoli grande e sen talo (cru ou previamente fervido), un allo, queixo de untar sen graxa, medio aguacate e tofu, cilantro ou perexil ao gusto, o zume de dous limóns, chile, un chisco de sal e pementa. Só queda procesalo e preparar unhas variñas de cenoria, apio ou pataca para mollar no prebe.

@Ce_FerSan