Bye bye, botellas de plástico convencionais

As botellas de plástico deixan paso ás BKR

Cada vez somos máis conscientes do dano que a acumulación de residuos lle causa ao noso planeta e actuamos en consecuencia. De aí que, pasiño a pasiño, as botellas de auga tradicionais vaian deixando o seu lugar a outras opcións máis ecolóxicas (e, por suposto, máis cool). Toma nota.

Fai tempo que os ximnasios comezaron a encherse duns recipientes curiosos, de forma semellante ás cantimploras que empregan @s ciclistas e de cores pastel. As botellas de plástico convencionais foron alí desterradas e substituídas pola súa versión riquiña e ecolóxica. De feito, son xa un elemento imprescindible en calquera foto de fitness destinada a Instagram. E dese eido tan localizado, están a dar o chimpo ás rúas e ás oficinas.  Unha tendencia absoluta que ameaza con causar o ocaso das botellas dun só uso.

Nas oficinas e nos ximnasios triunfan as botellas BKR
Nin vasos nin botellas dun só uso: abraza o novo estilo

Son moitas as marcas que apostan por conxugar deseño e ecoloxía no que é un dos produtos máis comúns no noso día a día. Se a conciencia non abonda para abrazar as botellas alternativas, que sexan os principios estéticos os que guíen a escolla.  Calquera cousa con tal de reducir o uso de plástico e converterse á tendencia “eco”.

BKR é unha das que abandeira este cambio de mentalidade, con envases de todos os estilos e tamaños. Mesmo lles outorga un toque de sofisticación comercializando cada temporada edicións limitadas. Trátase de botellas de vidro, feitas de materiais sostibles, reciclables e cunha funda de silicona que as protexe e as mantén a unha temperatura axeitada. Entre as celebrities que as usan están, por exemplo, Gisele Bündchen e Jessica Alba.

Pero non só de BKR vive o mercado. Cada vez son máis as firmas especializadas que chegan ao público xeral. Como Chilly’s, con algúns dos prints máis desexados do universo bottle. Ou as minimalistas de Soma, que destina unha parte dos beneficios obtidos a financiar a ONG Charity Water.

As botellas de vidro substitúen as dun só uso
Estas botellas alternativas son o novo complemento de estilo

As tendencias alíanse coa sostibilidade para reclamar a nosa atención sobre a necesidade de coidar o noso entorno natural e de vixiar o xeito en que nos relacionamos con el. Poida que as botellas de vidro só sexan un grao de area no medio dun deserto, mais cada pequena contribución conta. E, ademais, son tan fermosas. Pero iso xa quedara claro…

María Losada @MariaLosada_ | Fotos: Instagram @magasindunord, @stayreddy, @mybkr