Cando a moda se converte no camiño para a revolución

A moda, cando innova, pode ser revolucionaria

En 1.874, a escritora norteamericana Elisabeth Stuart Phelps clamaba a destrución dos corsés como primeiro paso para a emancipación efectiva da muller. “Facede unha fogueira co cruel aceiro que se ten apoderados dos vosos tórax e abdomes durante tantos anos e liberado un suspiro de alivio […]”, proclamaba, con escaso éxito. Partindo do plano da estética, a súa reivindicación adquiría unha gran carga simbólica e política. Un simple xesto, o de desafiar a convención elixindo non vestir esa prenda interior constritiva, contiña en realidade o poder potencial de mudar o statu quo vixente. Porque a moda, un elemento de importancia capital no modelado da identidade social, foi, é e será un motor para a articulación do cambio sociolóxico.

A historia do vestir é unha dimensión importante da antropoloxía cultural. Forma parte dos usos e costumes de cada época, e do seu estudo pódese tirar información valiosa sobre as particularidades da roupa en función de numerosas variables (sociais, xeográficas, de xénero, etc.). As prendas son, en definitiva, un marcador de status, e non é estraño que, cando este muda ou se aspira a mudalo, elas o fagan tamén.

Tomemos, por exemplo, a moda occidental nas primeiras dúas décadas do século XX. Antes da I Guerra Mundial, a indumentaria feminina estaba marcada pola rixidez e o aparato. A vida social e o coidado do fogar era o eixe da actividade das mulleres de clase media ou media-alta. Mais o estalido do conflito, coa conseguinte mobilización xeralizada de homes e mozos, trouxo consigo novas responsabilidades para elas. A produción industrial e o traballo pesado pasaron a estar nas súas mans, esixindo un vestiario acorde. A pompa de saias e corsés viuse substituída por uniformes sinxelos que garantían unha maior axilidade.

A moda do século XX débelle moito a Chanel
Chanel é sinónimo de pantalóns masculinos e camisetas bretonas

E nese xesto pragmático agochábase un xermolo de progreso para a condición feminina: a liberación respecto ao canon estético vixente antes da contenda. A posguerra estivo marcada pola tensión entre as forzas conservadoras e as avanzadas. As mulleres deixaron as fábricas e volveron para a casa, mais algúns elementos da súa curta experiencia pública quedaron suspendidos no aire. Nos anos ’20, Gabrielle Chanel escandalizou a sociedade francesa presentando unha liña de roupa feminina baseada na sinxeleza dos deseños. Nin corsés nin saias longas. Con grande escándalo, fixo do pantalón de montar un imprescindible no seu propio roupeiro e apostou polo little black dress fronte aos vestidos estilo século XIX que tanto se estilaban. O antigo chamamento subversivo de Stuart Phelps foi así levado á práctica. O confort feminino comezaba a primar sobre a función ornamental.

Da minisaia ao “Burn your bra”

Os anos ’50 e ’60 do século XX serán lembrados por seren unha época especialmente convulsa e activa na reivindicación dos dereitos civís. O movemento contra a discriminación racial nos Estados Unidos e a chamada segunda vaga feminista en ambas marxes do Atlántico foron os dous piares principales dunha loita encarnizada pola mellora da calidade das democracias occidentais e o recoñecemento efectivo dos dereitos individuais e sociais.

En Londres naceu a revolucionaria minisaia
Mary Quant, revolucionaria da moda

Nese clima, impúxose a urxencia de levar a termo accións simbólicas que lle garantisen unha maior cobertura mediática á mensaxe dos colectivos comprometidos. Ao tempo que Rosa Parks denunciaba a política de segregación racial estadounidense negándose a sentar na zona delimitada para persoas afroamericanas en 1.955, Mary Quant abría en Londres a boutique Bazaar. A prenda estrela era a minisaia, que situaba o longo da prenda uns 15 centímetros sobre o xeonllo. Dous pequenos xestos para dúas chamativas tomas de posición. Porque o escándalo que unha e maila outra causaron serviron para estender e visibilizar o debate sobre as liberdades e a necesaria equiparación de dereitos.

Que unha muller descubrise boa parte da perna contraviña a norma non escrita da moral pública. A exposición excesiva da pel feminina era considerada un acto impúdico e provocador, propio daquelas de baixa estofa. Que unha deseñadora fixese diso a súa marca persoal era toda unha provocación para a estrita moralidade victoriana dominante na Inglaterra da época.

No camiño á modernidade, a minisaia xogou, xa que logo, un rol esencial. Como o fixo o bikini, a segunda prenda revolucionaria por excelencia na época contemporánea. A súa popularización a partir dos anos ’60 -Brigitte Bardot, Marylin Monroe ou Jane Fonda inspiraron a toda unha xeración- supuxo un avance notable respecto ás directrices tradicionais no vestir. A muller comezaba a ser autónoma para expoñer o seu propio corpo, sen verse sometida a códigos estéticos artellados ao abeiro de ideoloxías conservadoras -sobre todo de influencia católica-.

Ditos estándares de beleza foron tamén o albo ao que se dirixiron protestas como a de Miss America Pageant en 1.968, que tivo lugar en Atlantic City (Nova Jersey). As asistentes á manifestación convocada para rebentar o concurso foron convidadas a achegar obxectos que, para elas, representasen a mentalidade machista que reducía as mulleres a simples obxectos decorativos. E moitas optaron por levar suxeitadores (que nunca foron queimados, un feito que non impediu que as feministas fosen estigmatizadas a partir de entón como bra burners, é dicir, de quemadoras de suxeitadores).

O suxeitador foi o inimigo simbólico do feminismo
1969 estivo protagonizado polas protestas feministas

Nas seguintes décadas, a moda seguiu sendo vehículo de comunicación e subversión, situándose unha e outra vez máis alá da súa función instrumental. Nos anos ’70, por exemplo, a estética punk había servir para canalizar o descontento social dunha xuventude, a británica en particular e a europea e norteamericana en xeral, marcada pola crise económica, o rexeitamento do establishment e da cultura de masas. O seu herdeiro natural foi o grunge, outra manifestación da contra-cultura que se deixou sentir tamén no vestir.

A penúltima revolución da moda

A transición entre o século XX e o XXI veu acompañada dun certo esvaecemento do carácter militante e transformador do deseño de moda. A expansión do street wear e a indumentaria casual, sen un trasfondo ideolóxico definido, converteuse en testemuño silencioso da consolidación do chamado “estado de benestar” en Occidente.

Pero na beira oposta do Mediterráneo, a “Primavera árabe” que floreceu en 2.010 volveu facer da indumentaria un piar esencial de comunicación ideolóxica. Especialmente para as mulleres. Entón, os levantamentos populares contra os réximes autoritarios en países como Exipto, Túnez ou Alxeria convertíronse nunha oportunidade de ouro para denunciar diante do mundo a opresión á que a poboación feminina seguía a ser sometida. Entre as súas reclamacións, ocupou un lugar preemintente o dereito a vestir libremente, sen verse condicionadas por ningunha inxerencia de tipo relixioso, social ou político.

A frustración das expectativas xeradas por ditos movementos cidadáns e o avance experimentado polas forzas islamistas radicais esmoreceron o incipiente activismo feminista supranacional en Oriente Medio. Porén, non chegaron a sufocalo. En 2.015, desencadeábase a que hoxe é coñecida como a “Revolución das minisaias”. Cinco décadas despois da iniciada por Mary Quant nun contexto ben distinto, mulleres e homes activistas dos dereitos femininos reaccionaron ante a censura sufrida por unha estudante alxeriana, á que lle foi prohibida a entrada a un exame por lucir unha saia por enriba do xeonllo.

Durante semanas, circulou polas rúas e as redes sociais unha campaña de solidariedade baixo o slogan “Todas en minisaia”. Milleiros de mulleres expresáronse compartindo fotografías nas que amosaban as súas pernas espidas debaixo das saias. A cineasta e xornalista alxeriana Sofia Djama mesmo creou unha páxina de Facebook, “A miña dignidade non está na lonxitude da miña saia”, que acadou 15.000 seguidores/-as en só unha semana… antes de que fose pirateada por islamistas.

Mentres territorios como Alxeria, Túnez ou Turquía están a sufrir un notable retroceso en materia de laicidade, esténdese un movemento de signo contrario: o da moda de deseño islámica. Milleiros de mulleres acóllense a ela proclamando a súa liberdade, precisamente, para recuperar o xeito ortodoxo de vestir. No contexto da “Revolución das minisaias” e da conseguinte contrarrevolución, Dolce & Gabbana aproveitan para ampliar o seu mercado potencial. En 2.016, poñían á venda a súa colección Abaya, composta por exclusivos looks de túnicas, panos para a cabeza e veos de cores sobrias. Estratexia de marketing ou mostra de sensibilidade para coas consumidoras musulmás practicantes?

@Ce_FerSan / Fotos: Wikipedia / © Bettmann /CORBIS / Twitter @SofiaDjama