Cando criamos que xa o viramos todo, aparece o “sushiburrito”

O 'sushiburrito' é unha nova forma de fusión

O universo da “fusión gastronómica” vén de acoller un novo membro en España. Despois de importarmos o “cronut”, o “brocomole”, o “brinner” ou o donuts de xeado, toca facerlle sitio na mesa ao “sushiburrito”, o último híbrido que causa sensación entre @s amantes da innovación culinaria. E a súa orixe está, evidentemente, na mestura do sushi e os burritos.

O 'sushiburrito': comida rápida e saudable
Comida rápida cun xiro exótico e lixeiro

Como non podía ser doutro xeito, esta fórmula experimental naceu en California, berce dos pratos exóticos e saudables, os zumes vexetais e as receitas pensadas para conquistar a vista. En San Francisco -rival de Los Ángeles na produción de delicias foodie– é onde reside o seu creador, Peter Yen. Un día de preguiza, o chef andaba a preparar sushi co seu irmán e, no canto de perder o tempo cortando o rolo segundo manda a tradición, decidiron comelo así, enteiro, ao xeito dos burritos da cociña tex-mex.

Era 2011, e, seis anos despois, o californiano é dono dunha cadea de restaurantes especializados na elaboración do “sushiburrito”.

Tamén coñecido como “sushirrito” ou “japarrito”, é o equivalente a preparar un burrito con pescado cru no canto de carne picada e regalo con prebe de soia, wasabi, teriyaki ou sriracha, e non con salsa Chipotle. Feito empregando alga nori ou con tortilla de trigo (para un maior gusto xaponés ou latino, respectivamente), é unha interpretación exótica e menos calórica -e picante- dun bocado clásico da comida rápida norteamericana (só superado polas aínda máis clásicas hamburguesas).

Outro punto ao seu favor é que desprende esa mesma sofisticación do sushi, pero aforrándonos a tortura de adestrar en privado para ser quen de manexar os paus en público. Cousa de agradecer.

O 'sushiburrito' é unha mestura gastronómica
Da fusión da cociña tex-mex e a xaponesa, un prato para comer a dentadas

E despois do éxito colleitado do outro lado do Atlántico, por fin podemos probar o “sushiburrito” tamén no noso país. En Madrid, este prato xa está dispoñible en restaurantes como Japarrito, Riko ou The Japanese Burrito. É o que os restaurantes de vangarda denominan “fast healthy food”.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @cevichevere, @kalejunkie, @japarrito