Carne sen carne e outros experimentos da “post-comida”

Os gurús da industria alimentaria din que máis cedo que tarde tod@s comeremos a base de batidos que nos proporcionen os nutrientes necesarios para a nosa actividade cotiá. De feito, xa hai varias experiencias empresariais que crearon produtos que van nesta liña. Resistímonos a renunciar ao pracer de comer, pero o certo é que desde hai anos o mundo da alimentación vive en constante movemento. Os avances da ciencia, os cambios no noso estilo de vida, a influencia do vexetarianismo e o veganismo, e a febre foodie que nos invade son os culpables de que esteamos ante a proliferación de alimentos que imitan a outros. Non é o futuro, é unha realidade: benvid@s á era da “post-comida”.

A carne reinvéntase grazas ao veganismo
Serías capaz de distinguir entre unha hamburguesa convencional e unha vegana?

Xa podemos degustar carne sen carne, leite sen leite e viño sen uvas (aínda que @s máis puristas dirán que estes produtos non se poden denominar igual que os seus orixinais). O que para algúns/-unhas pode ser unha auténtica tolemia, para outr@s é unha oportunidade de saborear alimentos que non poden comer por causa de alerxias e intolerancias ou por decisión propia, con aparencias e sabores moi semellantes aos orixinais.

As alternativas aos produtos de orixe animal –que son aos que se lle buscan máis sucedáneos pola influencia das filosofías vexetariana e vegana– son case infinitas e hoxe en día o seu consumo está moi democratizado. Chegaron os cambios á lista da compra.

Leite

É un dos mellores exemplos nos que se pode ver a evolución da industria alimentaria. Dende hai varios anos é habitual atopar en calquera supermercado leite (ou mellor dicir bebida?) elaborado con alimentos vexetais como a soia, a avea ou as améndoas. A variedade foise ampliando con produtos como o arroz, o sésamo, as abelás ou as noces.

Paseniño tamén foron xurdindo derivados, como os iogures o outro tipo de sobremesas, mais había un que se resistía: o queixo. Para atopalo hai que acudir a tendas especializadas en produtos ecolóxicos e veganos, pero rematou o pesadelo para @s amantes do queixo.

Ademais de carne, tamén hai queixo vegano
O queixo tamén ten a súa versión alternativa

Unha das marcas máis recoñecidas neste nicho de mercado é Divina Teresa, unha empresa galega pioneira no mundo da comida experimental, que comercializa unha ampla variedade de queixos: tipo mozzarela, gouda, edam, cheddar, parmesano ou semi-curado; en barra, rebandas ou relado.

Carne

Os legumes e os derivados da soia son os alimentos clave que nos permiten comer unha boa hamburguesa sen un só gramo de carne. O reto máis importante á hora de buscar substitutos para a carne foi conseguir unha combinación de alimentos cun sabor, aparencia e textura semellante. Por iso, os máis empregados son a soia texturizada, o tofu e o temphe; o seitán (un preparado feito con glute de trigo); e as mesturas de lentellas, fabas ou chícharos con outros legumes ou verduras como as espinacas.

O movemento meatless tamén se abre camiño con forza na nosa terra, e proba diso é a aparición do primeiro chourizo galego 100% vexetal, o Calabizo. Elaborado con cabaza, é a alternativa vexetariana ou vegana ideal para un bocadillo ou un bo prato de lentellas.

Ovo

Un dos maiores retos da industria alimentaria presentouse á hora de buscar substitutos para un dos produtos estrela xunto co leite: o ovo, ingrediente fundamental nun dos nosos pinchos máis tradicionais. E a resposta á pregunta que te estás a facer é afirmativa: si, pódese facer tortilla sen ovo. Como? Grazas a unha mestura de fariña de garavanzo, auga ou bebida vexetal, lévedo de cervexa e algún colorante natural como a cúrcuma para obter a tan prezada cor amarela.

Velaquí tortilla, carne ou queixo en versión vegana
A “post-tortilla” xa é unha realidade

Outro fito case máxico no mundo da comida experimental foi facer repostaría sen ovo. É posible obter merengue sen clara de ovo? Só necesitamos un ingrediente: a auga de cocción de legumes, preferiblemente garavanzos. Ata @s máis preguiceir@s teñen unha alternativa: poden empregar o líquido dos que se venden en conserva.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo | Fotos: Instagram @beyondmeat, @divinateresa123, @thewildgreenvet