Chámase battle rope e é o novo adestramento VIP

O 'battle rope' é o adestramento de moda

Seguro que nos últimos meses tes visto en Instagram ou YouTube algún vídeo de xente facendo exercicio no ximnasio coa axuda dunha corda grosa. A Cristiano Ronaldo, sen ir máis lonxe. E seguro que sentiches curiosidade por esa modalidade de adestramento. Será ese o truco para conseguir un corpo musculado como o do futbolista portugués? Poida que no battle rope estea a resposta, si.

As máquinas e aparellos tradicionais de fitness xa non son imprescindibles para poñerse en forma. Cada vez son máis @s preparadores/-as físic@s que optan por rutinas e técnicas alternativas para estimular @s pupil@s e mellorar os seus niveis de motivación. Despois do running, dos abdominais hipopresivos, etc., está a se estendenr a nova sensación importada dos Estados Unidos: o battle rope ou rope training, é dicir, unha fórmula de adestramento baseada no traballo cun adival.

Practicar (ben) battle rope

Dentro do amplo abano de exercicios que comprende o popular crossfit, o battle rope ocupa un lugar privilexiado na actualidade. Pero, ollo!, que non nos leve a engano o elemento que se emprega para practicalo. Por moito que se trate de exercitarse cunha corda, non ten nada que ver cos habituais chimpos ao estilo Sylvester Stallone en Rocky.

O 'battle rope' é o adestramento en voga
Adestrar con cordas é un bo xeito de saír da rutina no ximnasio

Aquí trátase de suxeitar coas mans un adival longo de nylon, de entre 15 e 20 metros de longo e duns 38 milímetros de diámetro, polos extremos e conseguir desprazalo en movementos que imitan ondas, círculos, ondulacións.

É importante coidar a posición do corpo. De pé, cos brazos separados o ancho dos ombreiros e as pernas un chisco máis abertas, cos xeonllos lixeiramente flexionados, o torso algo inclinado cara adiante e as costas dereitas, estaremos realizando o plano básico. Este consiste en dar lategazos coas cordas contra o chan a bo ritmo.

Para que serve?

Ao seren as mans as que canalizan o esforzo, poderiamos caer no erro de pensar que o battle rope está orientado en exclusiva a poñer a punto a musculatura das extremidades superiores. Nada máis lonxe da realidade. De feito, este é un exercicio moi completo, pois implica os brazos, os ombreiros, as costas, os abdominais e, en menor medida, o tren inferior do corpo. Para compensar esta pequena carencia, aconséllase combinar os movementos co adival con zancadas e series anasándose e erguéndose.

Co battle rope, faise un traballo de baixo impacto mentres se conseguen resultados notables. Ademais de gañar forza e ton muscular, axuda a estimular a capacidade cardiovascular, potencia a resistencia, o equilibrio e mesmo contribúe a unha mellor coordinación.

Dito así soa ben apetecible. Vaiamos collendo as cordas, pois.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @adidaswomen