Chega a lenzaría realmente nude

Lenzaría autenticamente "nude", por fin

É verán, tes un bonito ton bronceado e decides poñer un vestido de estilo eivisenco pero… horror! A túa roupa interior cor carne non cumpre a súa función de ser invisible e fai un efecto estraño, nada favorecedor. Agora non terás que cambiar de look, porque xa está aquí a lenzaría realmente nude.

Seguro que algunha vez te atopaches con esta situación. Pois agora imaxina como se senten as mulleres cunha cor de pel distinta á caucásica, e que ata o de agora só tiñan como alternativa conxuntos lenceiros de cor beige, marrón ou negra. Levar unha simple camisa branca podía resultar unha misión imposible.

Semella incrible, pero hai pouco tempo que as marcas que confeccionan lenzaría se decataron da evidencia de que non todas as mulleres temos o mesmo ton de pel. Chega con botar un ollo ao noso arredor para ver peles da cor do cacao, outras máis amarelentas, rosadas ou tirando á cor da porcelana.

Roupa interior da cor verdadeira da pel, toda unha conquista
Malia ser obvia, a industria da moda non pensara na cuestión do “nude”

A pioneira en crear roupa interior nude para distintas tonalidades de pel foi Nubian Skin, que deseñou suxeitadores, bragas e medias en catro cores. Definiunas como “baga”, “café con leite”, “caramelo” e “canela”. A firma estadounidense Naja deu un paso máis, creando unha liña de roupa discreta en sete cores, baixo o lema “Nude for all” (“Nude para todas”).

Redefinir a cor nude

Podería parecer anecdótico, mais detrás desta cuestión escóndense moitos matices relacionados coa diversidade cultural na moda e a imposición dos canons estéticos que predominan no mundo occidental. Que cor é a nude? Está claro que non pode ser a mesma para unha muller de orixe asiática que para unha afroamericana.

E preguntámonos: por que o mundo da moda non atendeu as necesidades de millóns de mulleres cun ton de pel distinto ao caucásico? Seguramente a resposta está en quen toma as decisións nas empresas que confeccionan lenzaría. Parece obvio que estas persoas nunca se atoparon coa necesidade de ter roupa interior discreta, que tan útil e práctica é para os estilismos con prendas brancas ou transparencias.

Firmas como Nubian Skin ou Naja viron este nicho de mercado e souberon aproveitalo. Fixérono, ademais, conscientes das implicacións sociais que supoñía. Así, dende Naja identifícanse como unha marca que ten “un profundo desexo de facer do mundo un lugar mellor”, buscando o “empoderamento” das mulleres e traballando para reducir a pegada ambiental da súa actividade.

Antecedentes

Dende hai varias tempadas, o nude invade o mundo da moda. Máis concretamente, onde primeiro triunfou foi no calzado, onde hai xa moitos anos que é habitual ver zapatos de cor da pel que lle deixan toda a prominencia á roupa. O primeiro deseñador en fabricar zapatos nude para varios tons de pel foi Christian Louboutin, que en 2013 presentou os seus coñecidos stilettos Pigalle en cinco tonalidades. Xa en 2016 deseñou a colección de bailarinas Solasofia en sete cores que se mimetizan perfectamente co ton de pel da maioría das mulleres do planeta.

¿Sabías que Louboutin foi pioneiro da promoción do auténtico "nude"?

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo / Fotos: Instagram @naja, @nubianskin, @louboutinworld