Cidades berce de amores tráxicos (si, Verona incluída)

Grandes cidades como Verona que acolleron grandes amores

Cando o criterio prevalecente para elixir destino turístico semella ter sucumbido ás leis da fotoxenia made in Instagram, recuperamos unha categoría imprescindible das viaxes de sempre: a das cidades que, cos seus fermosos atributos, estimulan o romanticismo. O amor (ou o desamor, que tamén ten o seu punto) sérvennos desta volta de compás para orientarnos nunha peculiar ruta internacional. Un pretexto como calquera outro para perderse e atoparse polas rúas de catro lugares marabillosos. Sexa cal sexa o noso estado sentimental.

Verona

Falar de amores tráxicos é sinónimo de Verona. Porque poucas historias de corazóns partidos hai tan universais como a dos seus máis célebres habitantes: Romeo Montesco e Xulieta Capuleto. Pertencentes a dúas familias enfrontadas por un odio irracional, nin toda a paixón adolescente abondou para que callase a súa relación clandestina no corazón do Véneto.

Viaxamos a Verona e outras cidades con amores tráxicos
Verona é mundialmente coñecida por ser a cidade de Romeo e Xulieta

Se o tempo probou que o seu non tiña futuro, Shakespeare encargouse de concederlles as inmortalidade. El… e o marketing turístico. Así, visitando Verona hoxe aínda se pode pasar pola que -según din- foi a casa de Xulieta e deixarlle unha mensaxe agochada na parede para que bendiga os nosos amores ou toparlle á súa estatua para nos asegure a fortuna sentimental.

Polo “módico” prezo de 1000 euros, mesmo podemos casar no mítico balcón onde Romeo se declarou.

Máis info: tourism.verona.it

Sevilla

Libertino ou namorado, anxo ou demo, Don Xoán Tenorio é un dos namorados máis controvertidos na Historia da literatura. Debates morais á parte, a súas peripecias para seducir a Dona Inés, noviza coa que estaba destinada a casar antes de que se coñecesen as súas andainas, marcan un febril percorrido pola cidade de Sevilla.

Este comeza na Hostería del Laurel, onde Don Juan se reúne con Don Luís Mejía e acepta o reto de seducir unha monxa recente e de arrebatarlle a súa prometida, Dona Ana. Á morada desta no barrio da Santa Cruz, na praza da Alianza, acudirá presto para cumprir coa palabra dada. Mentres tanto, unha carta de amor enviada ao convento de Dona Inés (probablemente ubicado na rúa Calatrava) será o primeiro paso para raptala e agochala na súa casa, que a tradición sitúa na praza San Leandro.

De Verona a Sevilla: velaquí cidades con amores tráxicos
Percorrer Sevilla seguindo os pasos de Don Xoán : unha alternativa ás rutas tradicionais

E, cando un final feliz se albiscaba no horizonte, Don Xoán vese obrigado a fuxir a Italia despois de matar ao seu inimigo e ao pai de Dona Inés. De volta en Sevilla, non quedará máis rastro dos seus amores que a tumba dela… e as dramatizacións que deles se fan na cidade cada 31 de outubro.

Máis info: andalucia.org

Agra

Conta a lenda que o emperador Shah Jahan estaba tan namorado de Mumtaz Mahal, a favorita entre as súas numerosas mulleres, que cando ela faleceu de xeito prematuro durante o parto do seu décimo cuarto fillo, só puido atopar consolo na construción do máis fermoso monumento funerario do que se tivese noticia.

Agra, Verona, Sevilla e Teruel agochan historias de amores tráxicos
O Taj Mahal está considerado unha das marabillas do mundo

E así naceu o impresionante proxecto do Taj Mahal, rematado en 1654 despois de máis de vinte anos de traballo. O mármore das súas paredes reflicte a luz exterior, modificando a cor das paredes ao longo do día e outorgándolle ao edificio unha dose extra de beleza. Non é de estrañar que a cidade de Agra, situada ao sur de Nova Delhi, se convertese nunha parada ineludible en calquera viaxe pola India.

Máis info: tajmahal.gov.in

Teruel

Entre os amores imposibles con selo español, destacan por méritos propios os dos amantes de Teruel. En pleno século XIII,  a historia de Sabela de Segura e Xoán Diego Martínez de Marcilla é a de dous namorados que se viron obrigados a separarse cando el decidiu enrolarse e marchar á guerra para facer fortuna e así asegurar o seu futuro xuntos. Sabedora dos riscos que iso supoñía, ela marcoulle un prazo máximo de cinco anos para retornar. Unha vez expirado, a presión paterna obrigouna a casar cun home potentado.

Demasiado tarde, Xoán Diego conseguiu volver a terras turolenses, mais foi recibido con frialdade pola súa amada. Ao negarlle esta un bico por ser muller casada, el morreu. E ela, sobre a tumba, recompensouno inutilmente selándoa cos seus beizos para tamén expirar.

Teruel, como Verona, ten sona por un amor contrariado
Os amantes de Teruel repousan baixo as figuras de alabastro de Xoán de Ávalos

Se en vida non foron quen de levar a bo fin a súa relación, o mausoleo da igrexa de San Pedro en Teruel, no que se di que repousan os seus restos, reúneos para a eternidade. Cada mes de febreiro, na cidade aragonesa celébranse as Vodas de Isabel de Segura, unha recreación á que paga a pena asistir.

Máis info: amantesdeteruel.es

@Ce_FerSan