Cinco clásicos contemporáneos que deberías recuperar

Recuperamos obras convertidas en clásicos modernos

Se en cine consumimos moito produto anglosaxón, en literatura non sempre sucede o mesmo. En xeral, unha boa parte dos libros premiados nos Estados Unidos e no Reino Unido, por exemplo, non chegan a ter a repercusión agardada no mercado español. De aí que vaia sendo hora de volver presentar aos grandes clásicos contemporáneos, algunhas das lecturas máis aclamadas alén das nosas fronteiras e, porén, ignoradas polo público.

La insólita pasión del vendedor de lencería

Esta novela é a viaxe iniciática dunha muller

Unha opción a ter en conta é La insólita pasión del vendedor de lencería (Reservoir Books, 2016), de Asako Hiruta. Cóntanos a historia de Satsuko, unha moza de trinta e dous anos que traballa nunha axencia de publicidade e que sente que a súa vida non é plena. Un bo día, vese obrigada a entrar nunha tenda de lenzaría. O seu encontro co dependente, Isaji, fará que a súa existencia cambie por completo. Entre prendas de roupa interior, esta novela nos só nos dá unhas cantas leccións sobre a relación cos nosos corpos. Tamén nos invita a reflexionar sobre as dificultades ás que se enfrontan as mulleres que se ven obrigadas a ser perfectas esposas, nais, amantes e traballadoras.

Hurra

Ben Brooks, revelación das letras británicas

Curiosamente, Hurra (Blackie Books, 2016), de Ben Brooks, publicouse antes en España que no Reino Unido, terra natal do autor. A obra parte do suicidio dunha adolescente, Ellen. Os seus dous irmáns, Dan -protagonista e voz narrativa- e Adam, xuntos cos seus pais, tentan buscar respostas ao acontecido. Para eles, o drama reside en entender que non senten o que se supón que deberían sentir. Brooks amósanos o abismo sen épica nin posibilidade de redención diante do que se atopa unha serie de personaxes narcisistas. Sen dúbida, esta é unha nova voz á que seguirlle a pista, cun estilo que combina dor, humor, sordidez… e moita cervexa.

La broma infinita

David Foster Wallace converteuse nun clásico en poucos anos

La broma infinita (Literatura Random House, 2011), de David Foster Wallace, viu a luz por vez primeira fai vinte anos e, xa naquel momento, a crítica norteamericana cualificouna como unha icona da nova sensibilidade. Considerado un dos grandes clásicos actuais para bibliófil@s, esta novela crítica co modelo actual de cultura destaca pola súa complexidade. O autor imaxina unha sociedade futurista onde o calendario está rexido por marcas comerciais, en política se instaurou un totalitarismo ecolóxico, e os grupos terroristas actúan con absoluta impunidade. Describe seres destruídos polas drogas, personalidades desequilibradas polas normais sociais. Trátase, en definitiva, dun retrato acedo e divertido sobre a adicción, o consumismo e a soidade na sociedade norteamericana.

Lo contrario de la soledad

Marina Keegan, a voz truncada da xeración millennial

Íase estrear unha obra de teatro súa no International Fringe Festival de Nova Iorque e tiña un traballo agardando por ela na revista The New Yorker cando un accidente de coche puxo fin á súa vida. A traxedia fixo que os derradeiros artigos que Marina Keegan escribira para o Yale Daily News se volvesen virais e desen orixe a un tesouro en prosa: Lo contrario de la soledad (Alpha Decay, 2015). O libro reflicte as esperanzas, as incertidumes e as posibilidades da súa xeración, loitando para canalizar o seu talento e conseguir deixar a súa pegada no mundo.

La historia del amor

Nicole Krauss colleitou un grande éxito con esta novela

A última das recomendacións ten como protagonista unha autora loada polo mesmísimo J. M. Coetzee: Nicole Krauss. A súa segunda novela, La historia del amor (Salamandra, 2006), trata dun xeito humorístico e tenro, do amor, da perda e da memoria, e de como os libros poden cambiar a vida das persoas. Conta a historia de Leo Gursky, un cerralleiro polaco xubilado en Nova Iorque, cuxa obsesión é non morrer un día en que ninguén o vexa. Tamén está Alma Singer, unha adolescente orfa que quere buscarlle un novo marido á súa nai. Cando os camiños de Gursky e Alma se entrecruzan, poñenlle a guinda a unha historia chea de amor e melancolía.

Fotos: megustaleer.com, blackiebooks.org, alphadecay.org, salamandra.info