“Clasismo” laboral, a nova forma de discriminación

'Clasismo' laboral ou como a linaxe importa moito

Pedir referencias, comprobar a experiencia laboral xa non é dabondo. Os apelidos d@ candidat@ a ocupar un posto de traballo están a se converter nunha baza para o éxito ou, pola contra, no pasaporte ao fracaso. Ser “fill@ de…” ou proceder dun entorno determinado volve importar. O “clasismo” revive e acada cotas máis elevadas do que quixeramos admitir.

Con frecuencia, dise que os anos 80 supuxeron o ocaso do sistema de clases imperante en España desde canto menos a segunda metade do século XIX. A chegada da democracia, así como a apertura e modernización económica impulsaron o espertar dunha sociedade sedenta de oportunidades para engancharse ao tren da prosperidade europea. Era o tempo da consolidación da clase media, traballadora liberal ou asalariada, con capacidade para o aforro e con remanente para o consumo activo.

Esa clase media (na que tamén se engloban a franxa media-baixa e a media-alta) era tan extensa e diversa, tan variada nas súas circunstancias que fagocitou e superou os ríxidos niveis sociais vixentes no período precedente. Se a irrupción da burguesía capitalista ao longo do século XIX conseguira restar espazos de influencia e poder á aristocracia e o clero superior, a consolidación no último treito do século XX de dita clase media acabou de esvaecer a fronteira existente entre as capas de arriba e de abaixo do corpo social grazas á eclosión do status intermedio.

Mais o estalido da crise económica (do que este 2017 se cumpre o décimo aniversario) e da conseguinte etapa de recesión desencadearon un terremoto no mercado laboral con fondas consecuencias na estrutura da sociedade.

'Clasismo' ou segregación ocupacional, tendencia á alza
Os efectos da crise séntense na estrutura do mercado laboral e da sociedade

A destrución de millóns de postos de traballo (arredor de 4, segundo as estatísticas oficiais) ao longo deste tempo e a degradación na calidade do emprego restante conduciron ao xurdimento dun novo paradigma, o d@s traballadores/-as pobres. Adeus a ese piar da estabilidade que representaba a clase media. O seu afundimento, advertía en 2014 a Fundación Encuentro, non só tivo repercusións económicas, senón tamén culturais, sociais e políticas.

O que está en xogo é a supervivencia dun modelo social baseado nas ideas de cidadanía, equidade e calidade democrática.

Mentres a clase media perdeu poder adquisitivo e viu degradado o seu status, a clase alta consolidou a súa posición e saíu reforzada da crise xeral. É o renacemento da antiga polarización, un proceso no cal se enmarca unha tendencia á alza dentro do mercado de traballo: o “clasismo” ou segregación por orixe social.

Bases do “clasismo” laboral

O mercado laboral español, como o doutros países da Europa meridional, ten fondas raíces na coñecida como “meritocracia”, é dicir, na supeditación da avaliación da valía profesional á posesión de certificados de estudos que a sustenten e lexitimen. Este sistema, criticado por sociólogos de orientación marxista como Pierre Bourdieu e Jean-Claude Passeron (sostiña o primeiro: “A orixen social marca de xeito inevitable e irreversible a carreira escolar e, despois, profesional dos individuos”), contraponse ás dinámicas anglosaxonas, cuxa orientación pragmática confire unha maior relevancia á experiencia fronte ao coñecemento académico.

A orixe social, convertida en mérito laboral polo 'clasismo'
A ‘meritocracia’ condiciona os procesos de selección de persoal no noso país

Segundo Bourdieu e Passeron, a “meritocracia” sería unha peza relevante na engrenaxe da desigualdade social.

A dixitalización da economía global (onde o valor do ensaio-erro e da práctica sobre o terreo adquire outra dimensión, e a cuxo avance están a ter que adaptarse os plans de estudos a marchas forzadas) facía prever un cambio de tendencia. A “meritocracia” semellaba iniciar unha etapa de retroceso. Google e outras grandes empresas de Silicon Valley convertéronse nos últimos anos en referente dun novo enfoque das relacións laborais. As habilidades, o carácter emprendedor ou a capacidade de adaptación son para elas criterios prioritarios de selección, por diante de calquera título universitario.

Mais o avance da plutocracia, un termo recorrente no discurso do economista Thomas Piketty, demostra o contrario. Unha das súas manifestacións é o rexurdimento do xa mencionado “clasismo laboral”.

Clases, traballo e clases de traballos

O termo “segregación ocupacional” comezou a empregarse fai uns anos no eido anglosaxón para definir -dun xeito eufemístico- a discriminación da que a miúdo son vítimas as mulleres no mercado laboral. Son elas, ademais da xente moza e d@s que superan os 50 anos, as que sofren con maior virulencia a deriva precaria da economía, así como a desigualdade salarial. Mais de referirse, entre outras cousas, á fenda existente entre a retribución de homes e mulleres que desempeñan cargos similares, “segregación ocupacional” foi adquirindo novas connotacións.

Sinónimo de “clasismo” laboral, aplícase agora tamén ás prácticas discriminatorias no traballo que teñen como base a procedencia social e educacional das persoas. E, segundo recollían fai uns meses xornais como The economist ou El Confidencial, a británica Social Mobility Foundation alertaba nun dos seus últimos estudos sobre as dimensións que está a acadar.

Neste conclúese que o terreo empresarial actual está a desenvolver unha tendencia reaccionaria e oligárquica, sendo cada vez máis as firmas que se fixan no status social e económico, así como na universidade á que asistiron @s postulantes a una oferta de traballo. Apóstase por candidaturas dun certo nivel, pertencentes a un determinado círculo, cun apelido que as sosteña.

Algo que encaixa coa definición que Guy Standing, catedrático da Universidade de Londres e autor de Precariado. Una carta de derechos, fai da nova sociedade de clases derivada da crise económica occidental. Segundo el, na súa cúspide atópase a plutocracia, que acapara boa parte dos recursos. Logo estaría a elite, que obtén ingresos principalmente a través das rendas do capital (inversións, depósitos, etc.), e unha masa ben formada que traballa por conta allea e recibe unha remuneración elevada que lle garante a seguridade económica.

As elites controlan a economía co 'clasismo' laboral
A segregación ocupacional aliméntase tamén da falla de conciencia obreira

O carácter transversal do tecido social e o horizonte de mobilidade son dúas abstraccións. A realidade amosa que a flexibilidade do sistema é relativa. Para as xeracións máis novas, nacidas a finais dos 80 e nos 90, acostumadas a un discurso no que conceptos como igualdade de oportunidades, democracia e liberdade se toman por inherentes ao mesmo, dita constatación constitúe un shock.

A posta en marcha de políticas de contratación tinguidas polo “clasismo” social atribúese á vontade desas capas elevadas da sociedade (que ostentan tamén o poder financieiro) de rodearse de persoas afíns para a consolidación dos seus proxectos económicos. Pertencer a unha familia cunha traxectoria afín ou cun perfil público interesante pode verse como un argumento de solvencia e fiabilidade por parte de compañías e inversores/-as.

Cando en 2015 Malia Obama, a filla maior da ex-parella presidencial norteamericana, foi contratada por Lena Dunham como bolseira no set de rodaxe de Girls, a polémica estalou. Abríase o debate sobre se os postos conquistados por “fill@s de…”, “alumni de…” ou “membros de…” correspondían aos méritos individuais ou obedecían a un xogo onde o prestixio, a proxección mediática e as relacións públicas para a marca ou empresa priman.

As prácticas de Malia Obama, exemplo de 'clasismo' laboral?
Exemplo de ‘clasismo’ laboral ou mostra de amizade?

Poida que o nome de familia sexa agora a mellor carta de presentación laboral. A fin de contas, a elite seguirá a ser a elite. O vello dito “quen ten padriño, bautízase” semella estar aínda moi vixente.

@Ce_FerSan | Foto: Instagram @PageSix