Claves para entender que é a raw food

A dieta crudivegana, a gran descoñecida

Hai dietas que van máis alá da súa función nutricional, converténdose nos piares de toda unha filosofía de vida. A fin de contas, ben é certo que somos o que comemos. Tal é o caso do “crudiveganismo”, ese xeito de alimentarse que ten como obxectivo promover o benestar do individuo e do medio natural. A raw food é a vía para conseguilo. Definimos os seus fundamentos.

O éxito do running e a expansión da cultura do mantemento físico contribuíron a facer da “paleodieta” un dos sistemas nutricionais máis coñecidos na actualidade. A volta a unha alimentación básica, limitada ao consumo de carne, peixe, froita, verdura, froitos secos e raíces, conta con defensores/-as e detractores/-as a partes iguais. Non menos polémica é a práctica do “crudiveganismo”, ese que moit@s consideran -sen razón- o seu irmán menor. Porque, en realidade, a paixón pola raw food non ten máis que algúns principios en común coa dieta paleolítica.

A raw food causa sensación
Comida crúa, o último réxime convertido en filosofía

Malia que a tradución ao galego poida levar a confusión –raw food significa “comida crúa”-, o réxime d@s “crudivegan@s” non implica a inxesta de carnes ou peixes sen cociñar. Trátase dunha vertente do veganismo, polo que rexeita calquera produto de orixe animal. De aí que tamén se denomine “veganismo crudívoro” ou “crudivorismo vegano”.

A grandes rasgos, pódese dicir que a alimentación crúa é aquela que suprime os aditivos artificiais, ademais de evitar os produtos sometidos a temperaturas que superen os 40º C, é dicir, a calor estimada do sol. Considérase que cociñar destrúe enzimas e outros nutrintes, polo que prefire substituílo por procesos que potencien as propiedades e o sabor dos alimentos.

Baséase no consumo de vexetais, froitas e xerminados no seu estado natural, co menor procesamento posible, privilexiando a frescura dos mesmos. De aí que esta dieta estea moi vencellada ao concepto de “alimentación viva”. Por exemplo, as sementes e os froitos secos póñense a remollo antes de consumilos, de xeito que a auga estimule a súa xerminación e reanime o seu metabolismo.

O crudiveganismo coñécese como raw food
Froitas, verduras, froitos secos e sementes son algúns exemplos de “raw food”

Antonio Ortega Martín, asesor nutricional e chef “crudivegano” fundador de Raw Vegan Spain, afonda na filosofía vital que hai detrás desta dieta. Segundo el, a raw food ten moitas vantaxes, ligadas todas elas ao control do impacto humano sobre o medio ambiente.

O “crudiveganismo” é respectuoso co planeta, cos recursos, cos animais, coa fame no mundo. Non se trata de non comer animais para salvar animais, senón de alimentar a poboación de todo o planeta, incluso máis habitantes dos que temos agora; porque, se as cousas se fixeran ben, é moi doado producir estes alimentos e gástase moi pouca enerxía despois en prepararlos.

Máis normas da raw food

Dentro do “crudiveganismo” existe unha serie de pautas non escritas. A súa versión para puristas recomenda o consumo de alimentos ecolóxicos, maduros, frescos e integrais, non refinados e non procesados, libres de almidón. Busca o equilibrio entre froitas doces, verduras de folla verde, vexetais graxos (aguacate, aceite de oliva, sementes oleaxinosas etc.), brotes de cereais, legumes, algas e fermentados.

@Ce_FerSan