CoClub, a web para gozar da moda dun xeito sostible

CoClub é a web para o intercambio de roupa

A crise económica causou profundos cambios na nosa sociedade, e, malia que custe crelo, non todos foron malos. A necesidade agudiza o enxeño, e inspirou a recuperación da economía colaborativa, que vive hoxe unha época dourada. Trocar un servizo ou un obxecto por outro está á orde do día. Agora esta fórmula chega á moda a través do portal CoClub.

O boom da fast fashion e o interese crecente polo street style na última década cambiaron o noso xeito de concibir e relacionarnos coa roupa. Vivimos inmers@s nunha voráxine de coleccións, micro-tendencias, must haves, etc. que nos fan desexar ter un presuposto astronómico e un gardarroupa infinito para acoller todas esas prendas anotadas na nosa wish list.

Dicía Anna Wintour, editora xefe de Vogue US: “a democratización do luxo significa que máis persoas van ter mellor moda. E cantas máis persoas poidan ter moda, mellor”. E poida que ela tivese en mente as imitacións que as cadeas de low cost fashion fan dos deseños estrela da grandes firmas, pero nese proceso tamén xoga un papel importante o auxe dos sistemas de alugueiro de roupa. Xa sexa en pequenos ateliers e coa guía dun/-ha estilista ou a través da Internet, podemos vestir un Vivienne Westwood ou un Roksanda Ilincic sen ter que pagar o seu elevado prezo de mercado.

Sumando este sistema cos principios da economía colaborativa, temos como resultado CoClub, un proxecto virtual que vén de ver a luz este 2016. Preséntase como un club de empréstito de roupa que funciona por puntos, unha alternativa para vivir a moda de xeito máis divertido, económico e sostible.

Está pensado para mulleres que non queren -ou non poden- gastar moito diñeiro en roupa e que, sen embargo, gozan renovando a súa aparencia. De feito, unha das súas reivindicacións é que para identificarse coa roupa non é preciso mercala. Só vivila.

Ás “coclubbers” (así se denominan as usuarias da web) en letras maiúsculas só non só se lles pide que sexan amantes da moda, senón tamén que fagan gala dunha actitude positiva respecto á súa propia imaxe. Que se atrevan con calquera prenda que lles guste sen reparar en prexuízos, que lle poñan cor ao seu roupeiro sen ter medo a destacar no medio da xente e, por enriba de todo, que se sintan cómodas na súa propia pel.

Pero aínda hai máis! CoClub ten dúas caras: a desenfadada, que nos permite xogar a vestir como queiramos por uns días -como se a fada madriña da Cinsenta nos bendicise coa súa variña máxica-; e a comprometida, que nos ensina fórmulas alternativas para loitar contra o consumismo salvaxe e contribuír a unha planificación sostible da moda e a unha mellor xestión dos recursos dispoñibles.

CoClub é unha web para o alugueiro de roupa
Moda e conciencia ecolóxica únense en CoClub

Como se traduce todo iso na práctica? Para participar no intercambio de prendas de CoClub é preciso darse de alta. Simplemente hai que elixir o plan de subscrición mensual que mellor se adapte ás nosas necesidades (S, M, L, a medida), coa correspondente tarifa. O máis básico é o S, que, por 30 €, trae 200 puntos para seleccionar as nosas prendas favoritas entre as dispoñibles. O prezo aumenta a medida que medra o número de puntos, chegan. Unha vez cuberto o cuestionario de alta e elixido o método de pago (acéptase PayPal!), non queda máis que agardar a que o lote chegue á casa para comezar a presumir de roupa de (case) estrea.

Sharing is caring, que din nos países anglosaxóns.

@Ce_FerSan / Foto: coclub.es / Instagram @coclub_es