Cócteis sen alcohol, o último en combinados

Os cócteis sen alcohol xa non son un tabú

O alcohol é taaaan last season… Dille adeus á resaca e ás calorías baleiras dos combinados ordinarios e descubre o último en bebidas: os cócteis 0,0. Coloridos e ben saborosos, non teñen nada que envexarlle á súa versión alcohólica. A clave está en elixir ben os ingredientes e poñerlle un chisco de imaxinación ás mesturas.

Ai!, cando Alaska e Dinarama cantaban aquilo de “bebiendo, me paso el día bebiendo; la coctelera agitando, llena de soda y vermut”… Eran os ’80, a Movida Madrileña estaba no seu apoxeo e desde os escenarios exaltábanse psicotrópicos e bebidas varias.

Trinta anos e algunhas malas borracheiras máis tarde, a cultura do lecer comeza a mudar. E menos mal, que diría a Organización Mundial para a Saúde (O.M.S.), alertando de que en España en cuestión de alcohol non temos medida. Para tranquilizar ás autoridades sanitarias e ao noso propio fígado, descubrimos a tendencia pola que apostan @s que practican aquilo de mens sana in corpore sano: os cócteis sen alcohol. A fin de contas, quen dixo que para pasalo ben é preciso emborracharse?

Por iso, cada vez apostamos máis por bebidas sanas de apariencia igualmente glamorosa. Carlos Moreno, profesional da coctelería no Charly’s Bar de Madrid, estima que nos últimos anos a porcentaxe de clientes e clientas que prefiren cócteis sen alcohol aumentou arredor dun 35%. E para dar resposta á demanda xerada, as cartas dos principais cocktail clubs van incorporando novas propostas de autor.

Os cócteis sen alcohol, de moda na noite máis cool
Serías capaz de adiviñar se este cóctel leva alcohol?

Se ata fai uns dez anos a oferta reducíase ao clásico San Francisco e ao Shirley Temple, na actualidade cada vez son máis os barmen e barwomen que se animan a firmar unha lista propia de bebidas “sen”. Desde o Acid Sun de José Luís García Victorino, de Club del Barman A.B.E. Catalunya, ata o Donosti Sunrise dos irmáns Troitiño (coctelería Stick Cocktails, Rentería), os cócteis sen alcohol multiplícanse.

As mulleres xogamos un papel moi importante no auxe desta moda. Canto menos así o considera Javier de las Muelas, do icónico Dry Martini (Barcelona), quen opina que “a incorporación da muller e do feminino á cultura de bar conleva unha nova cultura do cóctel“. Poida que Carrie Bradshaw e as súas amigas de Nova Iorque cun Cosmopolitan na man nos animasen a ampliar os nosos horizontes desde a barra do bar. Ou poida que a chegada do afterwork fixese máis pola nosa vida social do que cremos. Saír tomar unha copa á tardiña pide por unha alternativa ás bebidas duras (vodka, ron, xenebra) -que tendemos a asociar coa noite- e o viño ou a cervexa, máis propios do aperitivo.

Os cócteis sen alcohol son cousa de mulleres... e homes
Queres ser coma Carrie Bradshaw pero sen resaca? Dálle ao mocktail

Sexa pola influencia feminina ou pola maior conciencia sobre os riscos dun consumo excesivo de alcohol, os mocktails son máis ca flor dun día. A popularidade acadada fixo que deixasen de ser un tabú (como pedirlle a un ou unha bartender unha mestura a base de zume nun local nocturno sen poñerse colorad@?) para se converter nalgo cool. A coctelería non deixa de ser unha arte, na que inflúe tanto o atractivo visual da copa coma o gusto do resultado. Os cócteis sen alcohol súmanlle á beleza da decoración habitual (a base de froitos, azucre, carapelas de cítricos, etc.) o encanto de ser un producto de moda.

E se non é de alcohol, de qué se compoñen os mocktails, logo? Na súa meirande parte levan zumes, siropes, infusións e mesmo especias. Algúns experimentan coa textura do iogur para un resultado máis denso e cremoso. Por exemplo, o chamado virgin gin & tonic inclúe unha base de tónica ou auga carbonatada á que se lle engaden diversas herbas aromáticas como o fiúncho doce. En copa de balón, en vaso longo ou en rock glass cunha boa dose de xeo, é difícil distinguir a simple vista un cóctel con alcohol dun “sen”.

@Ce_FerSan / Fotos: Twitter @DryMartiniJDLM