Cohousing: reivindicando a cidade por e para as persoas

É posible vivir nunha cidade de xeito sostible, económico e auto-xestionado? Pódese gozar da vida en comunidade e á vez dispoñer dun propio espazo para a intimidade? A resposta é si. E a aposta, o cohousing.

Este modelo de vivendas xurdiu nos anos 70 en Dinamarca e nos Países Baixos e foise espallando polo resto de Europa. A idea partía de familias que buscaban practicar unha convivencia compartida sen renunciar ao espazo persoal. Unha convivencia onde as labores, o ocio, as actividades e as necesidades comúns se resolvesen de xeito cooperativo, pero na que non se esquecera a necesidade da privacidade.

O 'cohousing' pretenden humanizar as cidades
Espazos privados e públicos cohabitan neste novo modelo de vivenda

A creación dun sentimento de comunidade é clave. Son @s veciñ@s @s que toman as decisións, desde a fase inicial do proxecto. A escolla de solares, o deseño das vivendas en función das súas necesidades, os estatutos da comunidade etc. Toda unha oda á responsabilidade cidadá e á humanización dun sector, o da construción, que non sempre soubo acadar o equilibrio entre os intereses económicos das empresas de promoción e o capital humano manexado.

Poñamos un exemplo: no canto de dispoñer dun piso de 120 metros cadrados, a fórmula do cohousing apostaría por 50 metros cadrados de residencia privada que se complementarían con -dependendo dos terreos dispoñibles- 2.000 para a área colectiva e, digamos, uns 5.000 de xardín. O espazo persoal contaría con todo o necesario (dormitorio, salón, cociña, terraza e mesmo cuarto de estar). E as zonas comúns irían desde salas de reunións, de lecer, de xogos, de cine, ximnasio, piscina, parque infantil… En definitiva, todo aquelo que a comunidade en cuestión considere importante para o seu benestar.

O cohousing desembarcou en España con iniciativas como a que está a desenvolver en Barcelona a asociación La Borda, que conseguiu que o goberno local lle cedera terreos durante 75 anos. Recentemente, botou a andar outra en Madrid coa compra dun solar por parte da asociación Entrepatios. En Galicia, este espírito represéntao Outra Forma de Vivenda, que está a xuntar apoios para conseguir que a primeira experiencia de cohousing da comunidade vaia adiante.

O 'cohousing' é a alternativa á burbulla inmobiliaria
Esta modalidade de vivenda defende un xiro humanizador do urbanismo

E non nos levemos a engano, esta fórmula non é só cousa de xente nova. De feito, conta cunha grande aceptación entre persoas maiores que buscan unha vida en comunidade, pero queren fuxir das residencias.

A palabra que mellor define o cohousing é “equilibrio”, mais tamén “implicación”, “convivencia” e “compañeirismo”. Todos eles, valores que parecían esvaecidos nas cidades modernas. Trátase de conxugar dúas realidades para darlles voz, dunha vez por todas, ás persoas.

María Losada @MariaLosada_