Como se fai un home (scout), por Nickolas Butler

Nickolas Butler introdúcenos na clase media norteamericana

As elites, ese difuso grupo de individuos que manexa os fíos da economía, a cultura, a comunicación e, en definitiva, a sociedade dun país ou dunha rexión, non son de xeración espontánea. Máis ben, vanse cociñando a lume baixo nos fornos de determinadas institucións. A ENA (École Nationale d’Administration) francesa, os corredores de Eton en Inglaterra… e os campamentos scout nos Estados Unidos. Nickolas Butler condúcenos nun descenso aos seus infernos. Porque as tripas do poder a miúdo teñen falta de seren purgadas.

En 1962, un rapaz de trece anos chamado Nelson encarna unha das múltiples versións do loser. Sen amigos, sen carisma, sen unha vida familiar feliz que compense tantas amarguras, unha semana cos boy scouts non é senón unha tortura engadida para el. Acumular medallas e recoñecementos será a súa única válvula de escape, malia o risco de que tanta perfección irritante o separe aínda máis dos outros mozos.

Gris socialmente, brillante nas encomendas, os seus superiores ven nel carne de éxito. Fálanlle de recomendacións, de contactos, de xente que coñece a xente que poderá botarlle unha man nun futuro próximo. Só precisa manterse fiel ao manual do perfecto scout e observar as normas ao pé da letra. A normalidade está sobrevalorada: música para os oídos dun outsider de libro.

Así se abre El corazón de los hombres (Libros del Asteroide, 2017), unha especie de colección de relatos con sabor a historia de iniciación masculina, pero sen rematar de selo. A través de diversos perfís cuxas coordenadas espaciais e temporais conforman un eixe narrativo, Butler reconstrúe parte do ADN do norteamericano tradicional medio, modelado segundo os principios da orde, a disciplina, o dominio da natureza e a solidariedade entre iguais propios da comunidade scout. Valores que, a priori, pouco ou nada poden ter de censurable e que, porén, nesta segunda novela de Nickolas Butler deixan un pouso amargo no padal de quen le.

Nickolas Butler retrata a mentalidade 'scout' na vida real
O agardado retorno de Butler está á altura de ‘Historias de amor a quemarropa’

A través das súas páxinas, adiviñamos como a “paramilitizarización” infantil e a leximitación da segregación por xéneros (as asociacións de exploradores ortodoxas rexeitaban e rexeitan a presenza de mulleres nas súas actividades, mesmo como espectadoras) incide na formación de homes adultos orientados ao servizo público e cunha visión limitada das relacións humanas. Homes que canalizan a frustración persoal e profesional atemorizando ás súas parellas ao volver ao fogar, maltratándoas fisicamente e psicoloxicamente. Unha conduta que se proxecta tamén sobre @s fill@s, orf@s de empatía por vía paterna.

Os de Butler son aquí homes dunha masculinidade construída de violencia, silencios e coirazas auto-impostas. Representan os resortes que sustentan o poder patriarcal, educados en ambientes onde a voz feminina nada ten que dicir e a escaleira dos postos de influencia está reservada aos que amosan un cego compromiso cos principios sobre os que se ergue a “boa” sociedade norteamericana.

El corazón de los hombres non é unha homenaxe nostálxica ás noites ao aire libre arredor do lume nin ao inconfundible sentimento de pertenza, unión e comunidade creado polos campamentos scout. Máis alá do retrato dos seus membros en distintas fases vitais, a novela afonda na letra miúda do club privado de maior extensión e prestixio nos Estados Unidos. Só para homes.

Butler, Nickolas. El corazón de los hombres. Libros del Asteroide. Barcelona, 2017. 416 páxinas.