Cómo se hace una chica, crónicas dunha neofeminista

Caitlin Moran é a raíña da literatura neofeminista

Caitlin Moran é a Lena Dunham da literatura anglosaxona: irreverente, fresca, divertida, a miúdo provocadora e, por todo iso, revestida dunha certa aura de honestidade que a fai máis próxima aos lectores/-as. 

Porque quen se non ela é quen de abrir unha novela do xeito máis erótico-festivo posible, describindo con total naturalidade unha escena de masturbación adolescente e poñéndolle ao conxunto un toque de humor? E se a imaxe non é precisamente convencional, menos o é que o narrador sexa unha voz en primeira persoa que corre o risco de verse identificada coa da propia escritora. Pero non queiramos ir demasiado rápido. Poida que Caitlin Moran nacese nun barrio obreiro de Southampton, que tivese unha peculiar vida familiar e outros tantos problemas para facerse cun oco no mundo, pero a protagonista de Cómo se hace una chica (2015) non é o seu alter ego. Ou poida que só un chisco.

O neofeminismo ten en Caitlin Moran un altofalante
A muller nace ou faise? Caitlin Moran teno claro

Sexa como sexa, esta é a novela de iniciación que toda rapaza (e rapaz) actual debería ler. É ao século XXI o que as obras de Jane Austen ao XIX: un manual de supervivencia para espíritos sensibles (que non cursis) e elevados (que non bohemios nin lunáticos). O espertar á vida adulta, coa súa manchea de soños e as súas frustracións, require un bo espello no que se mirar. E se as heroínas de Austen vían nos casorios por amor o cumio da súa felicidade persoal, a de Moran é un chisco máis pragmática. O seu obxectivo a curto prazo é cumprir coa misión -que ela mesma se impón- de dicirlle adeus á virxinidade custe o que custe.

Se algo caracteriza a Cómo se hace una chica é a claridade coa que se aborda a sexualidade feminina, un tema que durante demasiado tempo foi un tabú sociocultural. Non podería ser doutro xeito vindo dunha das autoras máis comprometidas coa corrente de pensamento e acción neofeminista. Caitlin Moran e os seus personaxes son herdeiros das activistas polos dereitos da muller que nos anos ’60 e ’70 defendían a necesidade dun discurso público sobre o corpo feminino e a súa sexualidade.

E, co Brit pop como banda sonora e as Doc Martens nos pés, convídasenos a viaxar á Inglaterra en permanente crise social e económica de Margaret Thatcher. Nela medra unha adolescente que transite entre a seguridade da nenez e os impulsos da madurez cun aire dramático que ben podería facer dela a precursora de Bridget Jones. É un parruliño negro nun ambiente aínda máis escuro, aquel dos barrios obreiros dunha zona industrial perdida da man do progreso onde a cervexa é o único Valium á man co que combater a falta de expectativas.

Pero que ninguén pense que esta é unha historia ao estilo Oliver Twist, nada máis lonxe. Aquí o que prima é o humor e o sarcasmo. Porque se de algo é a raíña Moran é de rirse dela mesma e das súas circunstancias. A risco de escandalizarnos. Que viva a realidade sen filtros!

Moran, Caitlin. Cómo se hace una chica. Editorial Anagrama. Barcelona, 2015. 395 páxinas.

Fotos: i.vimeocdn.com; anagrama-ed.es