Coñeces o método “barre”? Pista: ten moito que ver co ballet

Explicámosche os beneficios de practicar 'barre', variante do ballet

O universo do fitness vive unha revolución constante. Cando xa cremos que lle temos collido o truco á última rutina de moda, está a xurdir unha nova no horizonte. Como o “barre”, que non é senón o ballet empregado ao xeito dun adestramento deportivo.

Pero non se trata simplemente de facer pliés e jettés no canto de abdominais, non. O “barre” mestura elementos de varias disciplinas para multiplicar a súa efectividade, pois leva o pilates e o ioga ao terreo da danza e viceversa. Exercicio do bo en barras para darlle un xiro ás sesións ordinarias no ximnasio.

Por moi moderna e actual que poida soar, o certo é que a idea de combinar as rutinas de baile clásico con técnicas deportivas xa se lle ocorrera nos anos 60 a Lotte Berk, bailarina de ballet alemá afincada en Londres. O seu obxectivo era dar cun sistema persoalizado para progresar na recuperación dunha lesión das costas que sufrira. En 1971, unha das alumnas do seu estudo emigrou aos Estados Unidos levando canda ela o método. Así foi como quedou inaugurado en Nova York o primeiro centro do Lotte Berk Method.

“Barre” paso a paso

Se celebrities como Karlie Kloss, Kendall Jenner ou Lily Aldridge combinan boxeo e ballet –a priori dous polos opostos no que respecta a ritmo e enerxía-, non custa demasiado imaxinar en que medida o ioga, o pilates e o ballet poden integrarse nunha mesma práctica.

O 'barre' é a práctica deportiva do ballet
Proliferan as clases de ballet destinadas ao mantemento físico

O propósito primordial do “barre” é traballar o equilibrio entre a mente e o corpo a través da realización de exercicios chamados “isométricos”, é dicir, de repeticións de movementos específicos e exercicios de mantemento da posición para contraer os músculos e fortalecelos. A inclusión nas sesións de actividades de cardio combinadas con outras de tonificación e forza fan del unha disciplina moi completa.

O “barre” realízase alternando a barra, o chan e elementos complementarios como pelotas, elementos de peso e bandas elásticas. A primeira vai encamiñada ao traballo de pernas e nádegas. Tamén na barra (como punto de apoio ou reforzo) ou sobre unha alfombra de escuma, préstaselle atención ao tronco e ao abdome. Mesmo se pode aproveitar para facer flexións suaves e estiramentos de bíceps e tríceps, reforzando esa zona dos brazos.

Beneficios? Mellora desde a saúde cardiovascular ao ton muscular, pasando polo grao de flexibilidade e coordinación.

Despois de todo, ninguén dixo que fixese falla ser unha Anna Pavlova para pasarse ao “barre”.

@Ce_FerSan