Coñeces o “superalimento” finés con sabor a carne?

Os alimentos con súper poderes están tomando vantaxe nas dietas estándar. A saúde e o benestar inspiran todo un estilo de vida, o healthy, no que elementos como os arandos, o aguacate, o té verde ou as sementes xa están normalizados. Pero a lista dos chamados “superalimentos” é longa, e as súas propiedades e características, diversas. Desde o norte de Europa, facémonos eco da última sensación neste sector en auxe: as pulled oats. Debullemos o segredo deste superalimento.

Os "superalimentos" chegan en novas formas e sabores
Nin porco nin tenreira: é “carne de avea”

A súa historia é peculiar, pois o seu consumo non vén avalado por un saber milenario ou por unha tradición gastronómica asentada. As pulled oats™ son o resultado das investigacións levadas a cabo pola empresa finesa Gold&Green Foods, cuxo obxectivo era dar cunha fonte de proteínas alternativa á da carne da que puidesen botar man @s vexetarian@s, vegan@s, etc. Porque, a excepción do polivalente tofu, as opcións ata o momento eran escasas.

O xermolo -nunca mellor dito- deste superalimento chegado de Finlandia está na tese doutoral de Reetta Kivelä, unha das co-fundadoras de Gold&Green Foods. Nela trataba sobre o procesamento dos flocos de avea, un estudo que lle valeu unha mención na Facultade de Agricultura e Silvicultura da Universidade de Helsinqui en 2.011. Pouco despois, embarcábase coa axuda da súa vella amiga Maija Itkonen, na aventura de procurar “carne de avea”. E, se ao primeiro a idea soaba vagamente realista, non tardaron en obter resultados positivos.

A "carne de avea" é o superalimento finés de moda
As posibilidades deste “superalimento” son case infinitas

A fórmula deste novo “superalimento” é en apariencia doada, pois só consta de tres ingredientes: avea, fabas e chícharos. O proceso de elaboración é algo menos obvio. Kivelä e compañía prefiren mantelo en segredo, e limítanse a explicar que está inspirado nun procedemento propio da cociña chinesa. A grandes trazos, confirman que consiste no procesamento mecánico da mestura, someténdoa logo a prensado e quentamento.

A clave está, por outra banda, no uso de avea, un cereal cun incrible potencial e que está a revivir os seus tempos de esplendor. Como afirma Reetta Kivelä, “é un gran sutil comparado co centeo, por exemplo, e a súa fibra é única”. É unha fonte moi interesante de proteínas, pero tamén de graxas saudables e de antioxidantes, tan necesarios para o organismo.

Finlandia ocupa un lugar destacado entre os países que a producen. As súas condicións climáticas son ideais para iso, pois o que este cereal precisa durante a estación de crecemento é moita auga e sol.

O mercado local está rendido ao encanto desta “carne de avea”. De feito, as pulled oats™ esgotáronse en canto se lanzaron en 2.016. O chimpo internacional é o seguinte paso para a pequena empresa que as comercializa. Polo momento, Reuteurs xa distinguiu o seu “superalimento” co título de “Mellor produto de proteínas do ano” en Francia.

O "superalimento" de moda é a "carne de avea"
Vegan@s e familia, velaquí un complemento para a vosa dieta!

Para meterlle o dente non é preciso, porén, ter unha estrela Michelin. Parte do éxito deste produto reside no sinxelo que é de cociñar. Na sartén, ao forno ou no microondas, admite case calquera elaboración. A súa textura, sorprendentemente similar á da carne, é todo un pracer culpable para @s amantes das dietas cruelty free.

@Ce_FerSan / Colaboración de Lorena Silvosa / Fotos: goldandgreenfoods.com