Contra o estrés, cadernos de pintar

Debuxo de inspiración oriental

Lembras o ben que o pasabas pintando animaliños e casas, soles radiantes e personaxes de conto cando eras nen@? Pois se estás estresad@ e andas á procura dunha terapia de relaxación, sube ao faiado e saca os cadernos de pintar. Fanche falla.

Primeiro foi o ioga nas súas múltiples variantes, logo coñecemos as virtudes do reiki, e cando parecía que só a meditación e os exercicios a cámara ultralenta podían axudarnos a liberar o estrés e a ansiedade… descubrimos os beneficios dos libros de pintar. Fronte á actividade frenética das nosas xornadas de traballo ou estudo, chega agora este pasatempo para adultos que promete curarnos ao tempo que nos devolve á máis tenra infancia. Que mellor maneira de “resetear” a nosa mente que recuperando a diversión sinxela de pintar debuxos sen saír dos contornos.

A dicir verdade, esta fórmula -que en Francia leva arrasando desde o 2012 e que ten na editorial Hachette a súa principal promotora- non é unha novidade. Fai tempo que se vén usando en hospitais e @s psicólog@s e terapeutas recorren moi a miúdo aos debuxos e ás pinturas nas terapias para traumas. E da medicina está a dar o salto ó mercado das tendencias globais.

Portada do libro Coloreitor, de Forges
Forges ponlle humor aos libros antiestrés

En España aterrou no ano 2014 da man dun álbum de Forges chamado Coloreitor. El libro antiestrés de Forges para colorear,  que contou coa colaboración do psiquiatra Luis Rojas Marcos. Cunha boa dose de humor e máis dun cento de láminas para colorear, este libro de “arteterapia” é, sen dúbida, a proposta máis orixinal nas nosas librarías. Antes de pasar á acción e dar comezo á diversión, no prólogo de Rojas Marcos atopamos algunhas claves para entender o éxito dos cadernos de pintar.

Colorear reconfórtanos, danos acougo, fainos gozar e libéranos -aínda que sexa temporalmente- das presións cotiás […] Malia que colorear durante un par de horas non elimine todos os problemas que nos preocupan, si que nos afasta do estrés que nos oprime e alívianolo.

Poida que ao oír falar de cadernos de pintar moit@s se amosen escéptic@s, como se fose unha argallada para nostálxic@s ou víctimas do síndrome de Peter Pan. Pero ollo! Non se trata de volver á seguridade e á despreocupación propios da infancia, senón de regalarnos un momento de relaxación diario no que tentemos esquecer as dificultades que nos asexan ao tempo que facemos unha paréntese para desintoxicarnos dunha rutina hiperactiva e hiperconectada, como apunta Anne Le Meur, responsable editorial de Hachette Pratique.

Colorear un debuxo require concentración, polo que non parece demasiado compatible co uso do móbil, a tablet e o ordenador. De todos os xeitos, quen pensa en conectarse ao Whatsapp cando está a piques de rematar unha lámina con tantas figuras e formas que nin a Capela Sixtina? A sensación de estar a crear algo coas propias mans, sen necesitar de ningún talento artístico especial, é moi reconfortante. E por se iso non abondase, os cadernos de pintar pódense facer a soas ou en compañía. É cuestión de tempo que xurdan os primeiros clubes de “coloreadores” e “coloreadoras”. Serán os lápices a nova calceta?

Polo de agora, inundan as librarías e a Internet, sendo cada vez máis os blogs e sitios web que adican un espazo destacado aos mandalas para adultos. Tal é o caso de Hello Kids ou Colorear para adultos, cunha lista ben longa de opcións dispoñibles para imprimir.

Din as cifras de vendas que as mulleres son as máis aficionadas á arte-terapia. E se ata non fai moito tiñan que arraiar ás agachadas nos cadernos d@s fill@s, agora teñen para elixir sen compartir con ninguén. Hainos inspirados en xardíns exuberantes, na arte medieval ou árabe, nos mandalas orientais, en imaxes clásicas de cidades como París ou Nova Iorque.

Portada dun dos libros para colorear de máis éxito
“Arte antiestrés. 100 Láminas para colorear”, éxito editorial

Arte Antiestrés – 100 láminas para colorear, de Plaza&Janés, conseguiu coarse nas listas de éxitos editoriais españolas no 2015 e deulle un novo pulo a esta moda. E todo apunta a que os cadernos de pintar para adultos chegaron para quedar. Mesmo naceron editoriais como MTM Editores que fan deles o seu produto estrela. Gracias a eles coñecemos a Johanna Basford, a autora de El jardín secreto e unha das ilustradoras de culto para fans dos lápices de cores, que non dubidan en presumir nas redes sociais dos seus méritos pintando. Se fai uns meses Instagram e Pinterest se enchían de imaxes de doces, cupcakes e pratos destinados aos padais d@s foodies, agora serven de plataforma para a arte antiestrés.

@Ce_FerSan / Fotos: Twitter @MakiaContenidos  @Unademagiaporfa