Convidadas orixinais, velaquí tendes inspiración para VBC!

Ideas de cerimonia para convidadas orixinais

Elixir a roupa que se vai levar a unha cerimonia non é tarefa sinxela. Existe toda unha tea de araña de normas, escritas ou tácitas, á hora de prepararse para acudir a un evento da natureza dunha voda, unha comuñón ou un bautizo. Por exemplo, as convidadas non deberían vestir de branco -cuestión de non eclipsar a noiva- nin de vermello -para non chamar a atención sobre o resto de asistentes e a propia parella contraente-. Tampouco é aconsellable optar por un total look en negro, por aquilo de non evocar con el oa estética do loito.

Fóra desas pautas de protocolo, as posibilidades son case infinitas. Por que cinguirse, xa que logo, ao restrinxido catálogo de propostas habituais? Exploremos e compoñamos looks de convidada alternativos para esta temporada de VBC!

Unha proposta de Topshop para convidadas orixinais
O encaixe leva varias temporadas dominando as propostas para cerimonia e cóctel. É elegante, pode outorgar un toque sofisticado ao ‘outfit’, mais semella estar a se converter nun recurso comodín.
Pero, e se ao encaixe de sempre se lle sumase algún detalle que marcase a diferenza?
Para convidadas que non recean destacar, un vestido neste tecido e con bordados de motivos naturais pode ser todo un acerto. E se a iso lle engadimos un escote tan especial como o Bardot, o éxito está garantido.
Imaxe: Topshop
Dolce & Gabbana dan lección de estilo a convidadas orixinais
A miúdo, os vestidos e conxuntos de cerimonia tenden a resultar demasiado ríxidos e formais. Tanto, que unha correo o risco de rematar aparentando unha idade que non lle corresponde.
Para esas convidadas que queren manterse fieis ao seu espírito vivo e xuvenil sen renunciar á elegancia propia do momento, por que non optar por unha combinación de crop top e falda midi?
O risco asumido co primeiro é compensado pola formalidade da segunda. No equilibrio está a virtude, tamén nos ‘looks’ de voda, bautizo e comuñón.
Imaxe: Dolce & Gabbana
En Zara atopamos esta proposta para convidadas orixinais
Ás veces, aquilo de ir vestida manga por ombreiro resulta ben favorecedor. Sobre todo cando o deseño daquela centra a atención dentro dunha proposta polo demais sinxela.
Un vestido curto, monocromático e de corte recto pode dar paso a unha arma estética de longo alcance coa axuda dunha manga adecuada. Os volantes superpostos abondan para facer unha declaración de intencións estilísticas.
Porque menos é máis. Sempre.
Imaxe: Zara
Convidadas florais, por Zoraida Cases
Os motivos vexetais en xeral e florais en particular son unha constante nas propostas para a primavera/verán 2017. Preséntanse en múltiples formas, tamaños e texturas, polo que case é imposible evitalos á hora de compoñer un look para unha convidada en plena temporada de VBC.
Seguindo a máxima de “se non podes c@ inimig@, únete a el/ela”, decidimos rendernos á evidencia e abrazar a loucura botánica que florece nas pasarelas. Pero facémolo, iso si, marcando as distancias cos deseños máis obvios. As flores, se teñen que ser, que sexa en relevo. Para outorgarlle un aire de xogo de volumes ao resultado final. Pura arquitectura natural.
Imaxe: Zoraida Cases
Del Pozo aposta polo pantalón, tamén para convidadas
Cando fai unhas catro décadas Yves Saint Laurent lanzou un smóking adaptado á silueta feminina, as voces máis conservadoras da industria da moda puxeron o berro no ceo. Hoxe, o traxe de pantalón e chaqueta é toda unha icona da working woman.
En homenaxe ao mestre da alta costura, incluímos unha proposta de pantalón e blusa con efecto funda chea de encanto. Os complementos adecuados poden facer deste dúo o máis afinado do baile.
Imaxe: Del Pozo

@Ce_FerSan