Cosmética natural a base de leite de vaca

A cosmética natural fabrícase tamén con leite de vaca

A cosmética nicho e ecolóxica vive un momento especialmente doce. A procura de produtos que respecten o equilibrio natural da pel e non conteñan compoñentes químicos nocivos fai que cada vez sexan máis @s consumidores/-as que se interesan por ela. Aposta pola recuperación de fórmulas tradicionais e a experimentación con ingredientes vexetais e animais cuxos principios activos son coñecidos de vello. Como o leite. E é que a nova sensación no eido da cosmética natural é unha gama de produtos elaborados a base de puro leite de vaca.

Proverbial é a paixón de Cleopatra VII polos baños hidratantes en leite de burra. O ritual de beleza da exipcia máis lendaria (co permiso de Nefertiti) era, en realidade un segredo a voces no seu tempo, todo un imprescindible nos tratamentos cosméticos na Antiga Grecia e Exipto. A súa popularidade foi tal que a súa práctica se contaxiou ao Imperio Romano (Popea, a esposa do emperador Nerón non dubidou en adoptalos) e mesmo se estendeu ata a época moderna grazas á obsesión narcisista de Napoleón Bonaparte.

Agora, a cosmética natural dálle unha volta de porca á fórmula milenaria e explora os beneficios do leite… de vaca. Desde o corazón da comarca da Ulloa, chega Muuhlloa, un proxecto pioneiro neste segmento de mercado. É o froito da suma de esforzos de Milhulloa e Granxa Maruxa, empresas especializadas no cultivo ecolóxico de plantas medicinais e hortalizas e na produción de leite ecolóxico, respectivamente.

 O leite de vaca é a clave do éxito de Muuhlloa
Leite de vaca, o último en cosmética natural

Da exploración das posibles sinerxías entre ambos eidos, naceu a finais de 2016 un leite corporal elaborado con oleato de milfollas (Achillea millefolium) e leite de vaca. O alto contido en vitaminas, proteínas e minerais deste contribúen a nutrir, suavizar e hidratar a pel, estimulando a produción de coláxeno para mantela firme e elástica. Pola súa banda, o milfollas contribúe coas súas propiedades purificadoras, rexeneradoras e cicatrizantes.

O resultado é un produto apto para todo tipo de peles (mesmo para as máis sensibles), de rápida absorción e que non deixa sensación graxa trala aplicación. A este leite corporal sumaranse pronto unha crema facial e un xel, nos que xa están a traballar en Muuhlloa.

Se Cleopatra levantase a cabeza, sen dúbida pediría que lle reservasen un bo lote só para ela.

@Ce_FerSan / Fotos: Facebook facebook.com/Muuhlloa-1361227680578885