De cando as estrías se converteron en tendencia

As imperfeccións están de moda, e máis as que teñen que ver cos corpos. Mellor dito: amosar os corpos de forma natural é o que realmente está de moda. Deixar ver as manchas da pel, a celulite ou as estrías é tendencia.

É algo innegable e imparable. Innegable porque a propia natureza, por definición, non é perfecta. E imparable porque ao abeiro do movemento #BodyPositive xurdiu unha corrente que loita para que tod@s esteamos orgullos@s de amosarnos tal e como somos, sen retoques, sen trampa nin cartón.

A moda ábrese ás estrías
A celulite e as estrías xa non son un tabú na fotografía de moda

No mundo da moda e da publicidade existiu -e existe- unha intensa cruzada contra as estrías. Esas liñas alongadas que semellan o estampado dun tigre, son (oxalá pronto poidamos dicir “eran”) un dos trazos corporais que sempre se busca disimular, ben sexa con maquillaxe ou mediante retoque fotográfico. En calquera imaxe dunha muller (ollo, os homes tamén as teñen!) lucindo un traxe de baño, o Photoshop fai a súa aparición para eliminar calquera mínimo rastro delas.

Mais semella que as cousas están a mudar. E é que milleiros, incluso millóns, de mulleres ao longo do planeta fixéronse unha pregunta: por que hai que agochar algo que se debe a procesos naturais do noso corpo? A maior parte das veces, as estrías aparecen durante a adolescencia debido a cambios hormonais. Tamén están asociadas ás variacións no peso, por iso son moi habituais no embarazo.

O terreo cara a visibilidade das estrías comezou a cultivarse hai algo máis dun ano, cando a marca de lenzaría Victoria’s Secret decidiu difundir unha imaxe da modelo Jasmine Tookes na que se vían unhas sutís estrías nas súas cadeiras. De xeito paradoxal, esta firma está habitualmente na boca de tod@s polas polémicas sobre a férrea disciplina de exercicio e alimentación que seguen as modelos que locen as icónicas ás no seu desfile anual.

Marcas como Nünude apostan polas estrías sen Photoshop
Campañas de publicidade sen Photoshop: chega a naturalidade?

O resultado foi que a foto se fixo viral nas redes sociais e foi moi aplaudida pol@s defensores/-as do #BodyPositive. Detrás deste fito viñeron outros: Asos fixo unha campaña de moda de baño sen Photoshop na que as modelos conservaban as súas marcas de nacemento, cicatrices, estrías ou lunares. Misguided tamén apostou polas fotos sen filtros e con estrías, algo que lle valeu críticas, ao ser acusada de empregar o retoque fotográfico para engadir artificialmente estas controvertidas marcas corporais.

Non deixa de ser certo que detrás destas accións hai estratexias de marketing perfectamente definidas, mais estas serven para que as grandes marcas se decaten de que o seu público está farto de corpos que pouco teñen que ver coa realidade. @s que queren mercar a súa roupa non se ven representad@s pol@s modelos que a locen, e o exceso de Photoshop aborrece aos/ás consumidores/-as, que aplauden calquera xesto de apertura á naturalidade.

As estrías de Jade Laurice, na campaña de Missguided
Jade Laurice, artista, modelo e deseñadora pro #BodyPositive

Por sorte, cada vez son máis as marcas que apostan pola diversidade estética de maneira consciente e aberta. As que xa o fixeron, teñen probado que dá bos resultados, tamén no terreo económico. E é que o sometemento ao ríxido canon de beleza feminina occidental, no que predominan os corpos estilizados e extremadamente delgados, ten os días contados.

Está claro que o futuro da industria da roupa, xa non só na lenzaría e a roupa de baño, pasa por adaptar a súa imaxe e discurso a unha sociedade que pide a berros que se fagan visibles e se normalicen toda clase de marcas na pel, corpos e talles.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo | Fotos: Instagram @missguided, @nunude_official