De cando as WHIPs desbancaron as MILFs

Susan Sarandon recibe tamén o apelativo "WHIP"

A linguaxe é un bo termómetro do estado dunha sociedade e dos valores que nela rexen. A proliferación de acrónimos e cualificativos para referirse ás mulleres dunha determinada idade e condición en función do seu atractivo físico e do seu status persoal é un testemuño da persistente “obxectivización” á que se ven sometidas, así como dos tabús e os estereotipos que pesan sobre a sexualidade e a sensualidade femininas. Para superar ditas manifestacións lingüísticas de orde sexista, hai quen propón o uso do termo “WHIPs”. Realmente liberador?

O termo 'WHIP' naceu para 'empoderar' as mulleres
A sociedade tende a xulgar con crueldade as relacións onde a muller é maior

Antes de que o auxe das redes sociais nos ensinase a categorizar a realidade en base a etiquetas, alá polos primeiros do século XXI, estendeuse nos medios sensacionalistas unha curiosa denominación que servía para referirse ao que se deu en considerar un tipo particular de muller: a WAG (“wife and girlfriend”), é dicir, a noiva/prometida/esposa do futbolista de éxito de turno, cunha estética pouco refinada, sen carreira de seu e unha forte presenza pública.

O fenómeno naceu no Reino Unido, e metía no mesmo saco a Victoria Beckham, Cheryl Cole, Coleen Roonie ou Alex Gerrard. Máis tarde, popularizouse tamén en España, ampliando o seu alcance a outras disciplinas deportivas e homoxeneizando perfís tan diversos como os de Sara Carbonero, Pilar Rubio, Irina Shayk, Shakira, Lara Álvarez ou Melissa Jiménez. Definidas como WAGs, foron reducidas á súa dimensión de “parella de”, convertidas en obxecto de valoración e escrutinio mediático mentres se obviaban méritos particulares e traxectorias profesionais notables nalgúns casos.

De 'WAG' a 'MILF': a evolución mediática de Shakira
Malia a súa traxectoria, Shakira recibe a miúdo o tratamento de “muller de”

Perdido o interese inicial, as listas de atractivas WAGs deron paso a outros rankings non menos cuestionables: os de mulleres de bo ver emparelladas con homes de menor idade. Era a época de Madonna e o modelo Jesus Luz, de Demi Moore e Ashton Kutcher. Elas chegaban aos 50, eles tiñan menos de 30. Elas eran analizadas como vítimas dunha crise da idade madura, mentres eles eran vistos como toyboys, xoguetes nas súas mans. Unha asimetría digna de análise.

Tomemos, por exemplo, a un home na cincuentena que sae cunha moza varias décadas máis nova. Probablemente esperte comentarios admirativos, con apelativos como “galán”, “sedutor”, “triunfador”, “maduro interesante” ou “playboy”. Observarase que todos eles posúen unha carga semántica positiva. Imaxinemos a situación á inversa: ela é a que lle saca unha manchea de anos a el. Despois de ser cuestionada e de verse rebaixada á categoría de muller inestable e ridícula que busca reafirmarse a través da ollada masculina (alguén ousaría aplicar dita vara de medir con George Clooney e Amal Clooney?), será bautizada cun rosario de adxectivos lacerantes: “asaltaberces”, “loba”, “cougar”, etc.

A muller como obxecto… de desexo

En sociedades como a nosa, onde a pegada da moral relixiosa é fonda, pervive unha certa visión instrumental da muller. A exploración da súa sensualidade e a emancipación das súas apetencias baten cunha mentalidade que, por exemplo, segue a articular a maternidade como unha fase na que a dimensión sexual e o pracer físico xa non teñen cabida. E nesa mesma negación teñen o seu xerme etiquetas tiradas do argot familiar anglosaxón como “yummy mummy” ou “MILF”. A primeira significa literalmente “mamá saborosa”, mentres que a segunda é un acrónimo de “mum I’d like to fuck” (“nai coa que me gustaría deitarme”).

Ambas recollen un xuízo masculino sobre o aspecto físico de mulleres nunha determinada franxa de idade, das que non se agardaría que aínda fosen desexables e que experimentasen desexo. Fronte ao estereotipo da nai consagrada á súa familia, neglixente no coidado do seu corpo e de beleza caduca, as MILF están en forma, preocúpanse da imaxe que proxectan e manteñen unha actitude xuvenil.

“MILF” pretende ser a sublimación dos piropos que as féminas maiores poden recibir, todo un recoñecemento do seu “esforzo”. Aplícase a un amplo abano de celebridades, desde Julianne Moore a Susan Sarandon, Jennifer Lopez, Naomi Watts ou Mila Kunis.

Ata que, en maio de 2017, Brigitte Macron, de solteira Trogneux, se converteu en Primeira Dama de Francia e rompeu a baralla. Os comentarios pexorativos dos que foi vítima ao coñecerse a diferenza de idade coa súa parella (case vinte e cinco anos menor), cualificándoa como unha “Barbie menopáusica” ou a “Primeira Avoa” serviron non só para quitarlle a careta ao machismo cotián, senón tamén para avivar o debate sobre o papel da linguaxe no mesmo.

Na nova categoría das 'WHIPs', Brigitte Macron vai á cabeza
Brigitte Macron, unha desas mulleres sexy, intelixentes e no seu mellor momento

A xornalista Bibi Lynch, do xornal británico The Telegraph, erixiuse na portavoz das mulleres comúns fartas de seren xulgadas por ter citas con homes novos e en desacordo co repusivo termo “cougar”. Así que propuxo un acrónimo alternativo: WHIPs (“Women who are Hot, Intelligent and in their Prime“, é dicir, “mulleres sexy, intelixentes e que están no seu mellor momento”). Menos ofensivo? Si, pois subliña calidades non baseadas unicamente no físico. Porén, o propio feito de distinguir categorías de mulleres non deixa de ser unha construción sexista.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @susansarandon, @madonna, @shakira, @brigittemacron.officiel