De nen@s de papá e homes que tamén concilian

Os papás de hoxe ocúpanse dos nenos

Pais ao estilo Mad Men, tedes os días contados! Porque iso de pasar o día enteiro na oficina, saír directos ao bar para tomar unha copa (ou as que tercen) e chegar á casa co tempo xusto para bicar @s nen@s cando xa están en fase R.E.M. está pasado de moda. Os homes 3.0 non se conforman con ver os touros desde a barreira e apostan pola paternidade consciente. E é que a conciliación é cousa de dous.

Miramos de esguello á sociedade sueca (e ás nórdicas en xeral), ese paraíso das familias traballadoras onde os pais van pola rúa portando os seus bebés en mochilas, son profesionais de cambiar cueiros e preparan merendas sen poñer cara de mártir ou encomendarse a ningún santo. Os bautizados como “latte papas no mundo anglosaxón son xa parte da paisaxe urbana ,e a lexislación está da súa parte. De aí que Suecia estea considerado como un dos países á vangarda na igualdade entre os xéneros, baixas e permisos por paternidade mediante.

Imposible non sentir envexa cando as cifras revelan que en España estamos a anos luz do ideal sueco. Si, cada vez son máis os papás que se implican ao 100% na crianza e no coidado d@s nen@s. Mais a sombra da mentalidade patriarcal segue a ser moi alongada e a os roles sociais de homes e mulleres, unha lousa demasiado pesada de carrexar. Tampouco é que as políticas públicas de conciliación e emprego axuden demasiado. A falta de datos do 2015, vexamos cal era a situación no 2014:

  • Tramitáronse 281.151 prestacións por maternidade
  • Un 98,25% delas correspondía a mulleres
  • Só un 1,75% das mulleres decidiu cederlle o exercicio do seu permiso ao home
  • 3.711 homes optaron por dito permiso

Mentres agardamos a que a conxuntura económica e política mellore, polo menos podemos celebrar que a cultura da paternidade está a mudar. Vai quedando atrás o estereotipo do “pai macho e autoritario”, como di Raúl Fernández, un bo exemplo desa nova fornada de homes que cren na igualdade no coidado d@s fill@s. El é un dos miles de papás que atoparon nos grupos masculinos de crianza unha especie de táboa de salvación.

Porque se deron conta de que fronte aos círculos femininos tradicionais nos que elas poden compartir ideas, experiencias, resolver dúbidas, desafogarse nos momentos críticos e sentirse comprendidas, eles estaban sós. Ía sendo hora de asociarse e explorar a solidariedade masculina. O grupo #Siloshombreshablasen foi un dos pioneiros, artellado polo psicólogo Javier de Domingo. Se o amigo ou o pai non eran de axuda para guiarse polo complexo mundo da paternidade, uns descoñecidos servirían.

Malia o que algunhas linguas viperinas poidan -erroneamente- opinar, o obxectivo dos círculos de papás non é reafirmar o seu orgullo de machos ou criticar ás mulleres e sogras sen sufrir represalias. Trátase máis ben de defender a vontade e a necesidade do home de hoxe de participar activamente no desenvolvemento d@s fill@s. O propio Javier de Domingo ou Pau Almuni, fundador do servizo online Canguro en Casa, son un bo exemplo do que Ramón Soler denomina “unha nova paternidade“.

Madrid, Barcelona, Alacant ou Pamplona xa acollen círculos de reunión destes papás 3.0.

@Ce_FerSan / Foto: bleubirdvintage.typepad.com