De Prada, robots e accesorios de accesorios

Prada saca unha liña de accesorios de accesorios

Se facemos caso de Terminator, no ano 2029 a Terra será arrasada polas máquinas, que reducirán a humanidade á escravitude. Mentres chega ese día fatal, preferimos seguir o exemplo de Prada e aliarnos cos máis antigos representantes do progreso tecnolóxico: os robots. Esta temporada, conseguimos que mesmo se colguen do noso brazo. Todo un desafío para @s que recean dos trebellos autómatas.

Dentro da estratexia de diversificación que as grandes casas do prêt-à-porter levan anos practicando, a aposta pola potenciación da liña de accesorios é unha constante. Ademais de abranguer as habituais coleccións para home e muller, cada vez préstase máis atención ao calzado, a bixutería e os bolsos. O obxectivo é ofrecerlle á clientela potencial unha sensación de experiencia total, dun luxo capaz de adaptarse ás múltiples necesidades e facetas do seu día a día.

 Os robots son os novos habitantes da casa Prada
En bolsos de home ou muller, os detalles contan

Nesa urxencia de inventarse de novo constantemente, semella que os accesorios de accesorios gañan terreo temporada a temporada. En 2014, Fendi -co selo de Karl Lagerfeld- poñíalle un toque infantil e colorista aos seus bolsos de pel, clásicos no deseño, grazas á súa lexión de Bag Bugs (renovada en 2016), o outono-inverno 2016/2017 é cousa de Prada: A gran Miuccia asina uns simpáticos chaveiros con forma de robot que se seguro conquistarán o planeta sen teren que facer uso da forza cyborg.

Son o contrapunto perfecto dunha colección de marroquinaría na que seguen predominando os bolsos clásicos de estilo frame e monocromáticos, xa convertidos en marca da casa.

Os robots compiten cos Bag Bugs polo dominio dos bolsos
Nancy, estrela feminina da colección de chaveiros de Prada

Os robots – chaveiro de Prada veñen en oito versións distintas, e cada unha conta coa súa propia identidade definida. Hai robots femininos e masculinos, tamén indeterminados. Hainos peludos e hainos con características animais. Edward, Nany, Pino e compañía están fabricados en pel de Saffiano, aceiro e outros metais.

Estes pequenos seres, xurdidos da unión de cables, parafusos, pinzas e calquera peza esquecida no caixón dun hipotético taller mecánico, evocan dalgún xeito a tendencia patchwork que ano tras ano volve ás pasarelas.

A unión fai a forza, e boa proba diso son os triunfais robots que forman esta temporada o exército lúdico de Prada.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @prada / thefashionsamaritan.com