Decoración kitsch: vén para quedar?

O kitsch volve estar de moda. Si, volve, porque non é que sexa precisamente un invento destes días (xa triunfaba na Inglaterra victoriana). Ese “demasiado de todo” caeu en desgraza durante as convulsas décadas da posguerra europea, desprazado polo minimalismo racionalista que tanto defendeu Mies van der Rohe. Sen embargo, semella que a contención chegou ao límite, e os espazos diáfanos vense substituídos de novo por mesturas eclécticas e rechamantes. As metrópoles florecen da man de vivendas e locais comerciais cheos de personalidade.

Cales son os elementos esenciais para crear un espazo tipicamente kitsch? Unha paleta variada de cores -sen medo a combinar tons escuros con paneis con brillos, por exemplo-, unha manchea de tapizados máis ou menos coordinados, e unha aposta decidida por materiais como o veludo e o satén. Ademais de animal prints, por suposto. As paredes han de estar salpicadas de marcos recargados, cadros de gran tamaño e temática variada e calquera detalle barroco e un chisco excesivo que complete o (des)equilibrio estético do conxunto. Como referencia, sirva a Casa Azul, convertida en museo de Frida Kahlo e súmmum involuntario do kitsch.

O kitsch é un sopro de aire fresco
Queres experimentar co teu lado máis excesivo?

En España non é que exista unha tradición kitsch propiamente dita. Á marxe das tendencias globais (moble nórdico de alta calidade, en caoba ou pau santo), a clase media entregouse durante décadas ao culto da formica (ai, a formica!) e privilexiou a funcionalidade sobre a sensibilidade estética.

O racionalismo conviviu con outras tendencias na segunda metade do século XX, mais sempre conseguiu impoñerse. Ata que chegaron os ’80 e trouxeron da man unha renovación total do gusto popular. A Movida Madrileña, faro desta época, foi sinónimo de excesos e experimentación a varios niveis. Á maquillaxe dramática, o electro-glam e as ombreiras XXL, sumouse a redescuberta do kitsch e do camp (a versión irónica do kitsch) como principio decorativo.

Alaska e Mario, iconas kitsch

O kitsch é un estilo decorativo inspirado no pop e os excesos
Sara Montiel, Alaska… o kitsch español ten as súas propias divas

Alaska, abandeirada e supervivente da Movida, cabalga agora a nova vaga do interiorismo patrio. A modernidade e a sobriedade con aires nórdicos están facendo auga en prol do kitsch. Sempre orixinal, cun punto transgresor e mesmo excéntrico, a cantante estase a converter na musa –xunto con Mario Vaquerizo- do revival deste movemento. Así o demostra a vivenda que veñen de inaugurar este 2016: a Casa Azul (o propio nome é ben revelador). É un piso para vivilo e, sobre todo, para velo. Todo é excesivo, feito para o pracer dos sentidos. Hai unha vitrina refrixerada dedicada á comida lixo e aos pasteis, unha morea de obras de Fabio McNamara, fotografías eróticas, moitos obxectos vintage (como consolas, jukeboxes ou vinilos) e -como non!- un torrente de cadros e marcos de fotos. Para gustos, as cores… e os estampados kitsch.

Lara Santomé @lara_sanro / Foto: Facebook facebook.com/fotocasa.es