Descubrimos unha web ideal para viaxeir@s auster@s

Esta web axúdache a viaxar barato

Despídete de durmir en hostais e pensións de mala morte, carrexar unha mochila ou botar man do saco para durmir ao raso. A mística das viaxes baratas, co seu sabor indie a liberdade en estado puro, está a se esvaecer. Para dar a volta ao mundo sen gastar unha fortuna, xa non é preciso pasar por unha proba de supervivencia. A nova austeridade aliméntase da Internet, e esta web é unha das súas ferramentas favoritas.

Imaxina dous rapaces de vinte e tantos anos, en plena etapa universitaria e con ansia de coñecer lugares, de viaxar canto máis lonxe mellor, de aprender sobre outra xente, outros países, outras culturas. Puro wanderlust. Que tire a primeira pedra quen non pasase por esa fase. E non tería nada de novidade se non fora porque esa paixón de xuventude rematou convertíndose para Sebastian Kaatz e Igor Simonov nun xeito de vida e, por extensión, no xerme de Holiday Pirates, unha web de viaxes a prezos de risa que fai realidade os soños d@s máis viaxeir@s.

De publicar as súas experiencias nos seus respectivos blogs e ofrecer consellos sobre como facer turismo sen arruinarse polo camiño, os dous amigos pasaron a sumar esforzos para explotar a nivel comercial tanta sabedoría acumulada. O modelo elixido para iso foi unha sorte de buscador de estadías baratas en formato flash sale.

Esta web permite atopar ofertas de viaxe baratas
Europa, Asia, América do Sur…: o límite é a túa imaxinación

Se estás engurrando o cello porque pensas que a idea é calquera cousa menos orixinal (si, víchela antes en Atrápalo, Secret Escapes e cía.), agarda un intre.

A súa versión española, Viajeros Piratas, é un caladoiro imprescindible onde pescar ofertas por un tempo limitado. Improvisar unha escapada dun par de días a Praga xa é posible por menos de 120 euros (voos + hotel). Ou facer turismo rural e durmir nunha cabana nunha árbore por menos de 20. As opcións son moi moi diversas, e, se non podes aproveitalas por incompatibilidade de datas, sempre poden valerche como fonte de inspiración no futuro.

Pero o que realmente distingue esta web doutras é ese espírito buscavidas que destila. Porque, ademais de propoñer paquetes turísticos ou billetes a baixo prezo, convídanos a avivar o enxeño, a reinventar o espírito aventureiro aproveitando as oportunidades de última hora e a explorar a cara escura de calquera web de viaxes. Se aínda non coñeces as “tarifas de erro“, é que che fallan recursos para ser un(ha) auténtic@ viaxeir@ pirata.

@Ce_FerSan