Despídete da raia do ollo negra, agora lévase a toda cor!

A raia do ollo lévase agora de cor

Se o máximo risco estético que contemplabas ao pintar a raia do ollo era atreverte co trazo kitten sen que che tremese o pulso, esta tendencia incipiente probablemente te horrorice. Mais se en ti hai unha mecha innovadora ou extravagante agardando por un estímulo externo que a prenda, sen dúbida adorarás saber que esta temporada as protagonistas son as olladas. A toda cor, porque a discreción está demasiado valorada.

Ou iso parece considerar a artista da maquillaxe Lynsey Alexander, instigadora do xiro “warholesco” na paleta cosmética que comezamos a albiscar na edición de setembro de 2017 da Milan Fashion Week. Ás ordes de Angela Missoni, Alexander optaba por recuperar unha técnica moi ligada á estética dos 90 e, por extensión, ao contexto do nacemento da casa italiana. Que mellor xeito de celebrar os vinte anos de Missoni sobre as pasarelas que acompañando os seus icónicos zigzags dunha versión renovada dos eyeliners daqueles marabillosos anos?

Sobre as pasarelas e en Instagram, triunfa a raia do ollo de cores
Este verán, a maquillaxe de ollos énchese de cores refrescantes

Volven o tempos en que o célebre fotógrafo Craig McDean sentaba cátedra cos seus editoriais e catálogos de moda onde a raia do ollo marcaba a pauta e ningunha cor semellaba demasiado ousada. Volven os contornos -xa sexa o superior ou o inferior- rechamantes, e fano en tons que van desde os empoados rosas, azuis e verdes da propia Lynsey Alexander para a primavera 2018 de Missoni aos rabiosos mandarina e fresa ácida de Valentino Alta Costura.

A raia do ollo de cor volve ser tendencia
O catálogo O/I de 2000 de Yohji Yamamoto, un clásico de McDean

As alfombras vermellas están a se contaxiar da explosión de eyeliners de cores pouco habituais. Rita Ora e Willow Smith son só algunhas das celebrities que apostan por recuperar a raia do ollo que unha vez popularizaron Christina Aguilera, Drew Barrymore ou Claire Danes.

Kim Kardashian, a trendsetter por antonomasia, deulle a súa beizón compartindo unha imaxe en Instagram cos ollos perfilados de azul Klein. Xa é oficial: temos nova tendencia en maquillaxe.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @rimmellondonuk, @missoni / imgmodels.com