Dicionario das relacións persoais en tempos de Instagram

amizade-internet

LOL, XOXO, OMG…: velaquí todo un mundo de abreviaturas impronunciables fai uns anos e que chegou para quedar ancorado nos nosos teclados. E é que Instagram ou Twitter non só mudaron a nosa maneira de ver a realidade, senón tamén de expresala.

Tanto é así que as siglas tomadas en empréstito do inglés forman parte xa do vocabulario habitual para tratar sobre algo tan persoal como as relacións de amizade ou o amor. Rimos, queremos, odiamos ou envexamos en forma abreviada. O argot millennial imponse e faise imperativo contar con dicionario básico para captar os seus matices. Recomendamos tomar notas.

BFF

Ou “best friends forever” (“mellores amig@s para sempre”, en galego). É quizais un dos termos máis coñecidos desta lista, e o seu significado non deixa lugar a dúbidas. Utilízase para referise a aquela xente íntima, esa que está pase o que pase a carón dun(ha), que manteñen a súa amizade durante anos e anos e que chaman por teléfono aínda que só sexa para preguntar de que cor pintar as unllas.

Couple goals

Traducido literalmente como “metas de parella”, aplícase a aquelas relacións que semellan ideais e perfectas desde a distancia. Serve para designar parellas que amosan nos seus perfís de Instagram e outras redes sociais probas de seren a viva estampa da felicidade, sen escatimar en dedicatorias e declaracións de amor. Compárteno todo e en contextos moi variados. Son @s namorad@s ideais, unha fantasía para o resto d@s mortais, que se conforman con etiquetar os seus referentes en materia de #couplegoals.

A etiqueta "couple goals' é moi usada en Instagram
Lembras cando Gigi Hadid e Zayn Malik eran a parella máis envexada?

IBF

É dicir, “Internet best friend” (ou “mellor amig@ da Internet”). Como as propias siglas indican, esta denominación abrangue as amizades construídas online. pantalla do ordenador e do móbil mediante. Cando quedar para xantar é substituído por fíos de Twitter, comentarios en Instagram ou longas horas de Skype, podemos falar sen marxe de erro dunha verdadeira relación puramente virtual. Que importa que as persoas non poidan compartir espazo físico, a distancia xa non é impedimento para facer medrar a confianza.

Squad goal 

Se “squad” se traduce como “escuadrón, equipo” e “goal” é obxectivo, non custa moito adiviñar o significado desta etiqueta. É o recurso millennial para designar un grupo de amig@s considerado perfecto, ese que comparte todo, que ten horizontes comúns e traballan xuntos para chegar a eles. O apoio mutuo (tanto presencial como virtual) é, sen dúbida, unha das claves para falar dun squad goal propiamente dito. Un dos máis coñecidos no universo das celebridades é o liderado por Taylor Swift, da man de Selena Gomez, Lena Dunham ou Gigi Hadid. Case nada.

Instagram é o terreo para os 'squad goals'
Kendal Jenner e Kaia Gerber presumen de amizade nas redes sociais

YOLO

Aínda que para as xeracións menos novas poida soar a canción de Azúcar Moreno, a cuestión do “só se vive unha vez” (“you only live once”, en inglés”) é todo un lema vital. As siglas “YOLO” levan anos circulando, e en 2011 experimentaron un chimpo cualitativo cando o rapeiro Drake as empregou na súa canción “The Motto”, facendo que se estendesen como a pólvora por Instagram e Facebook. É o carpe diem millennial, a filosofía que exalta o momento, o risco e a lixeireza para facerlle fronte á vida. Para que non lle esqueza, Zac Efron mesmo o leva tatuado.

OTP

Algunha vez te entretiveches pensando no ben que cadrarían xunt@s tal ou cal famos@? Entón entenderás como ninguén a esencial do “one true pairing”(algo así como “a parella soñada” ou o “emparellamento ideal”). Neste caso, porén, non se trata dun simple “shippeo” (termo empregado por fans que desexan que esas dúas persoas ás que admiran, sexan reais ou ficticias, se emparellen). O OTP é a relación soñada, querida e desexada pol@s admiradores/-as, un castelo construído no aire das fantasías masivas. É case un imperativo: X e Y deben estar xunt@s. Que iso se materialice fóra das súas cabeciñas é outro cantar.

María Losada @MariaLosada_ | Fotos: Instagram @gigihadid, @kendalljenner