Discotecas silenciosas: coa música a outra parte

Desde que as discotecas impuxeron o seu reinado nas noites masificadas, non parou de evolucionar e diversificarse a oferta. Das bólas de luces e as boogie nights á era de Studio 54, para rematar na apocalipse do bakalao durante os 90. Agora, rexurden das súas cinsas cunha proposta que te deixará sen palabras. O paso márcano os locais silenciosos. Shhh!, esta noite saímos de festa.

Vexamos. Un recinto cheo de luces que latexan no teito e crean efectos visuais sobre ducias, centos de corpos ansiosos de vivir un serán memorable; na man, cócteis, licores, latas de refresco ou botellas de auga cos que brindan, expectantes. Ata aí, a estampa habitual. Mais ao entrar pola porta, non se escoita nin un chío. A marea humana móvese e goza ao ritmo de… nada?

Que non cunda o pánico: a música estridente corre polos auriculares. A procesión -musical- vai por dentro, por dentro deles. Porque os auriculares, ese accesorio que forma parte xa da indumentaria urbana, son a clave na (pen)última revolución que está a vivir o universo clubbing.

As discotecas silenciosas son a última sensación
As discotecas silenciosas non entenden de idades

Adeus aos decibelios que fan vibrar teitos e paredes, enlouquecendo na mesma medida a veciñ@s e festeir@s. A diversión nocturna adopta un modelo máis refinado onde o máximo reclamo non é o consumo de alcohol ao son dunha atronadora banda sonora. As discotecas silenciosas reivindican o seu carácter family-friendly e constitúen unha opción cada vez máis popular para un lecer transversal, multixeracional.

Nesta nova fórmula de socialización nocturna, os altofalantes son substituídos por auriculares sen cables para permitir unha total liberdade de movemento. Vaias onde vaias, a música acompañarate. O toque disco definitivo outórganllo os neons que decoran os accesorios. Coas luces apagadas, son eles os encargados prender a maxia no ambiente.

Os auriculares permiten unha nova experiencia nas discotecas
Neste caso, a festa non comeza ata colocar os auriculares

Pero aí non rematan as sorpresas. Nas discotecas silenciosas, acabouse o dominio absoluto d@ DJ sobre a lista de reprodución. A masa festeira toma por fin o control grazas ao carácter interactivo da escoita. Hai vari@s profesionais poñendo temas a un tempo, así que cada un/unha pode decidir a quen segue en cada momento. Castel Valere-Couturier, da compañía neoiorquina de eventos Sound Off, opina que esta

é unha festa para que baile calquera. […] A miúdo, a xente vese dividida polos seus gustos musicais á hora de saír. Nós conseguimos reunila dándolle a posibilidade de elixir as súas cancións directamente […]

E, con iso, vanse creando grupos que bailan a un compás ou a outro, que comparten coreografías, emocións, xestos. Puro frenesí.

Malia que en cidades como Nova York ou Londres as festas en silencio ou silent raves vivan un momento doce no circuíto nocturno (en lugares tan espectaculares como o mirador de The Shard, o edificio máis alto da capital británica), a súa historia remóntase a canto menos dúas décadas atrás. Nos 90, activistas medioambientais defendían a necesidade de minimizar a contaminación sonora con iniciativas deste tipo. O Bonnaroo Music Festival foi o pioneiro en 2005, mais  non foi ata fai un par de anos que a escena mainstream comezou a interesarse polo concepto. Coachella xa ten a súa zona de discoteca silenciosa. O popular Governor’s Ball, tamén.

Acabouse o cantar a berros as cancións de moda en plena catarse grupal?

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @laflicks_