Dolores Redondo e a súa novela galega

A Galicia dos señores da terra, segundo Dolores Redondo

Poucos acontecementos literarios levantaron tanta expectación a finais de 2016 como o regreso de Dolores Redondo despois da triunfal triloxía do Baztán. Se a iso lle engadimos o último Premio Planeta, semella indiscutible que Todo isto che darei (Xerais, 2016) naceu baixo unha boa estrela.

Por enriba de tramas, personaxes e, mesmo, xéneros, non cabe dúbida de que cada escritor/a tende a tirar de ambientes, patróns psicolóxicos ou temas que @ fan identificable para o público e lle outorgan unha certa cohesión á súa obra. No caso de Dolores Redondo, eses fíos que conectan unhas novelas con outras teñen moito que ver co papel que se lle reserva á natureza na construción das historias. Porque, malia ter moitos ingredientes do thriller, son tamén moitas as ocasións nas que a escritora lle cede o protagonismo na intriga ao contexto natural. E, así, ás veces, transfórmase nun personaxe máis, tan decisivo coma os de carne e óso.

Por iso, Todo isto che darei é, dalgunha maneira, herdeira das grandes novelas do naturalismo español. Cualificada como a novela galega de Dolores Redondo, desenvólvese na zona da Ribeira Sacra, caracterizada como un entorno exuberante, salvaxe e, en certo xeito, primitivo. A paisaxe xoga un papel definitivo na integración do personaxe principal, alleo ás dinámicas da sociedade rural galega, e que chega a ela para investigar a morte da súa parella, herdeiro dun escuro segredo. A vendimia heroica seducirao, espertando a súa curiosidade na mesma medida que o fará a relixiosidade local.

O mundo do que fala Dolores Redondo está aínda moi próximo a esa Galicia profunda dos señores da terra, dos exorcismos, dos conxuros, como unha porta aberta a aceptar o poder do sobrenatural e o espiritual nos destinos humanos. A fin de contas, non hai moita diferenza entre o microcosmos dos bosques do val  do Baztán e o dos da Ribeira Sacra.

A última novela de Dolores Redondo gaña o Premio Planeta
A novela galega de Dolores Redondo

Nesta natureza agreste conflúen unha serie de personaxes complexos, procedentes de universos moi distintos, aos que as circunstancias poñerán a proba.

Todo isto che darei abonda de novo nas relacións materno-filiais, un motivo recorrente na obra de Redondo. Neste caso, establécese un contraste entre a figura da nai desnaturalizada, contraria ao impulso de protección biolóxico; e a nai doce e dedicada por completo á crianza do fillo. O amor non é un sentimento instintivo, de aí o desacougo que crea n@ lector/a ese primeiro perfil.

Unha vez máis, evócase unha infancia dolorosa, moi lonxe do tan trillado tópico do paraíso perdido, que condiciona a personalidade adulta dos protagonistas e que, en certo xeito, motiva os acontecementos presentados.

Todo isto che darei non dá tregua. As revelacións enléanse unhas noutras e constrúen unha tea de araña digna dunha película de intriga. Non haberá que agardar moito para poder ver na gran pantalla a novela galega de Dolores Redondo.

Redondo, Dolores. Todo isto che darei. Xerais. Vigo, 2016. 696 páxinas.

Fotos: xerais.es; casagrandederosende.com