Donuts de xeado, ese estraño obxecto de desexo

Os 'donuts' de xeado existen, si

A edición de 2015 do festival de Coachella deixou -ademais de ducias de micro tendencias e estilismos asinados por influencers– algunhas curiosidades gastronómicas. Porque nesta cita tan colorida e “instagrameable”, mesmo a comida adquire unha nova dimensión. Naceu entón para o gran público unha receita ben extravagante: os bocadillos de xeado. E daquel experimento culinario, chegan agora os donuts de xeado. Amor ou odio, ninguén ficará indiferente a eles.

Os 'donuts' de xeado naceron en Coachella
Coachella, orixe tamén de tendencias gastronómicas

No particular universo dos doces de elaboración industrial, os donuts ocupan unha categoría independente. Forman parte da idiosincrasia estadounidense, e con eles acompáñanse tanto as boas novas como as malas. Tanto é así, que ata se lles reserva a súa propia celebración no calendario, o día 3 de xuño. As variedades son tan numerosas que faría falla un artigo enteiro só para compilalas: de chocolate negro, branco, recheos, tradicionais, glasados, de crema, de amorodo, de galleta, de caramelo… e, agora, de xeado.

A pesar de que poida semellar unha opción pouco factible, @s amantes da pastelaría máis decadente andan xa a comprobar en Los Ángeles que, cando se trata de reinventar a fórmula dos donuts, nin as texturas dos compoñentes supoñen un límite á creatividade.

B Sweet, un local especializado en postres, está a se converter no lugar de peregrinación de larpeir@s da contorna californiana grazas á estrela do seu menú: os donuts de xeado. Baixo o nome de “Halo” (cuxo significado en galego é “auréola”), estes doces case divinos preséntanse nun amplo e vistoso abano de sabores. Así, pódese elixir xeado de: vainilla, anacos de galleta e menta, chocolate con pebidas de chocolate ou ube. Baixo a aparencia dun tenro e esponxoso biscoito, agóchase unha dose de fantasía conxelada.

Os 'donuts' de xeado veñen en varios sabores
E ti, de que sabor es?

A pregunta recorrente é como se consegue esa mestura sen que o recheo remate licuado antes de chegar á mesa. Segundo @s responsables de B Sweet, o segredo está na aplicación de calor sobre o boliño glasado para selalo antes de servilo. O exterior resulta crocante e morno, mentres ao roelo se descubre un interior ben frío.

O que fai só un par de anos se considerou un delirio máis no ambiente sempre excesivo de Coachella, está a coller pulo como unha nova expresión de foodporn. Polo momento, aínda non hai local de postres ou pastelaría no noso país que se anime a importar estes orixinais produtos. Pero que tire a primeira pedra quen estea libre da gula que inspira só velos…

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @mybsweet, @coachellaeats