É a adicción tecnolóxica a pandemia do século XXI?

Cal é a dimensión real da adicción á tecnoloxía na actualidade?

Teclear “adicción á tecnoloxía” en Google ten como resultado máis de 1 millón e medio de referencias sobre o tema. Periodicamente, agroman artigos en publicacións xerais ou pseudo-científicas nos que se documenta un preocupante incremento de casos de dependencia patolóxica dos aparellos dixitais. Cítanse porcentaxes tiradas de estudos universitarios, ofrécense cuestionarios para o auto-diagnóstico, evócanse centros dedicados á curación. Á luz das cifras, a adicción tecnolóxica podería ser cualificada como unha nova pandemia que urxe atallar. Pero, que hai de certo niso?

Cando nos anos 80 a televisión se consolidou como un elemento capital non só para o entretemento global das masas, senón tamén para as propias dinámicas das familias (reunidas diante dela á noitiña, comendo con ela de fondo e, o que é máis importante, interiorizando un sistema de valores inherente a cada programa), houbo voces que alertaron do risco de pasar demasiadas horas diante da pantalla. Como lembra Eduardo Arcos, fundador da web especializada en tecnoloxía e cultura dixital Hipertextual, “naqueles tempos […] discutíase sobre a adicción á TV”.

Logo chegaría o apoxeo dos videoxogos, nunha década dos 90 dominada polos produtos de SEGA e Nintendo en formato portátil. Nen@s e adolescentes descubriron unha nova dimensión do xogo, virtual, menos interactiva, afastada dos esquemas tradicionais e rabiosamente moderna, cosmopolita. E a súa expansión trouxo consigo un novo debate sobre o uso e abuso -canto era demasiado?- daquelas máquinas.

Os videoxogos son os precursores da chamada 'adicción tecnolóxica'
Poida que agora esperten nostalxia, pero no seu momento espertaron receos

A Internet, que comezou a integrarse na realidade cotiá dos países do noso entorno no 2000 (banda ancha a domicilio) e se consolidou arredor de 2007 (ano do boom das redes sociais), ben pode considerarse o terceiro gran fito do entretemento na época recente. Mais a súa natureza e o seu impacto social marcan unha diferenza substancial respecto á televisión e aos videoxogos. O cambio de paradigma asociado á expansión e popularización da Rede vai máis alá dos lindes do concepto de lecer vixente. Afecta, ademais e principalmente, á construción das relacións entre as persoas e ao xeito de comunicarse.

É, xa que logo, a transformación máis profunda das tres analizadas. A globalización do intercambio de información, a supresión de barreiras para o comercio e a apertura a realidades distantes foi -e segue a ser- unha sacudida para as estruturas económicas, sociais e mesmo morais tradicionais. Resulta comprensible que, fronte a unha novidade de tal impacto, as reaccións de oposición e de resistencia sexan de natureza virulenta. A distancia entre os parámetros vitais d@s nativ@s dixitais e os d@s migrantes analóxic@s constitúe unha fenda real entre xeracións e alimenta unha actitude defensiva na análise do plano dixital que non sempre está motivada.

Eduardo Arcos sostén que froito desa oposición é o debate xerado de maneira artificial arredor da chamada “adicción tecnolóxica”.

Segundo a versión online do dicionario da Real Academia Galega, considérase adicción unha “inclinación moi forte ao consumo de substancias, como alcohol, drogas, tabaco etc., ou a certas actividades como o xogo, que crea dependencia física e psíquica das mesmas”. A dependencia da Internet e dos aparellos dixitais implicaría, así, unha necesidade de conectarse o máximo tempo posible para sentirse ben. En caso contrario, desencadearíanse respostas nerviosas, de enfado ou de depresión.

Sen embargo, dita conduta non aparece descrita como patoloxía no DSM V, o manual de cabeceira para a diagnose de desordes mentais, editado pola Asociación Americana de Psiquiatría. A Asociación Americana de Psicoloxía tampouco a admite. Nesa mesma liña, a catedrática de Psicoloxía Experimental da Universidade de Deusto Helena Matute nega a existencia da “ciberadicción”. A súa posición está avalada pola escaseza de datos epidemiolóxicos fiables -e non só en España- que sosteñan o contrario.

A adicción tecnolóxica non existe como patoloxía
Mentres proliferan as clínicas de desintoxicación dixital, @s especialistas negan a adicción

Iso non exclúe que se recoñeza unha tendencia ao uso abusivo de dispositivos tecnolóxicos, do mesmo xeito que xa se tipifica a adicción ao xogo e ás apostas por Internet, por exemplo, como unha categoría dentro da ludopatía.

En palabras de Eduardo Arcos, a Rede

non pode xerar adicción, do mesmo xeito que a rede de telefonía fixa [dun] país tampouco pode xerala. É unha plataforma sobre a que existe unha multitude de servizos e actividades. Por suposto, hai servizos accesibles a través da Rede que poden xerar adicción (sen ir moi lonxe, os casinos e as apostas online), pero iso non é unha adicción causada pola Internet.

A orixe real da teoría da adicción á Internet

Alá por 1995, cando a maioría da poboación mundial nin sequera estaba familiarizada cos protocolos da Internet e a navegación virtual, a un psiquiatra norteamericano ocorréuselle facer unha parodia do DSM (Manual diagnóstico e estatístico de trastornos mentais), a biblia da Psiquiatría moderna. Para iso, decidiu inventar unha enfermidade, acompañada dunha lista exhaustiva de síntomas, e colgala na súa modesta web persoal.

Viña de nacer a “desorde de adicción á Internet” (IAD, polas súas siglas en inglés). Descrita como un caso de ansiedade determinado pola necesidade de conectarse durante horas, acompañado mesmo do movemento involuntario dos dedos reproducindo o tecleo,  suxeríase para o seu tratamento a creación de grupos de “ciberadict@s” anónim@s.

El era Ivan Goldberg, e non podía adiviñar a repercusión que aquela broma absurda ía ter durante os próximos días, meses e anos.

Recibiu ducias de mensaxes de persoas que dicían identificarse coa sintomatoloxía descrita, suficientes para espertar a curiosidade doutr@s colegas psiquiatras. A idea callou e a farsa foi medrando sen que Goldberg fose quen de desmontala. En 1997, declarou á revista The New Yorker que

se estendemos o concepto de adicción para incluír todo aquilo que a xente fai en exceso, teriamos que aplicalo a ler libros, facer exercicio, falar con outra xente…

Pero o hype da adicción tecnolóxica era tal que tiveron que pasar lustros antes de que se barallase unha lectura alternativa do caso. Quizais a Rede non sexa a orixe dunha patoloxía, senón o síntoma, a canle a través da que se manifestan problemas xa existentes.

@Ce_FerSan