E as cores do outono son…

O outono xa non é é poca de grises, senón de cores
Abrigos a toda cor para rachar as normas non escritas da moda

Choiva ou neve, vaia frío ou xee, as coleccións de moda para a temporada outono / inverno 2016-2017 semellan dispostas a crear en nós a ilusión de vivir nun oasis de calidez permanente. As cores que dominarán os próximos meses afástanse da clásica paleta escura e apagada para incendiar de ledicia e vitalidade as xornadas de ceos cubertos que están por vir. Analizamos a revolución estilística que se aveciña.

Tradicionalmente, a fronteira cromática entre os meses fríos e os tépedos ou quentes estaba ben marcada. De outubro a febreiro, predominaban no roupeiro os tons grises, negros, marróns e azuis escuros. De marzo a setembro, a luz ambiental semellaba iluminar tamén a roupa, privilexiando as cores intensas, rechamantes, cálidas e frescas. O branco, o vermello, o verde, o amarelo ou o azul en tódalas súas variantes reinaban por dereito propio.

Pero desde que Pantone irrompeu no taboleiro de xogo e as súas predicións se popularizaron, as súas suxestións colorísticas puxeron patas para arriba as regras establecidas. Imponse a elección de cor irreverente, desafiante, que esvaece o marco temporal e loita contra a influencia do ambiente e da metereoloxía sobre os estilismos. Porque as cores fortes tamén son para os días de frío e choiva.

As cores cítricas triunfan este outono
Stella McCartney é unha das abandeiradas da cor para o outono

E á vista das propostas presentadas nas pasarelas de Nova Iorque, Milán, Londres e París nos desfiles desta primavera, o veredicto d@s analistas de tendencias da consultora de moda Trendstop non fai máis ca confirmalo. Así, reducen a paleta de cores do outono a tres imprescindibles: o limón intenso, o laranxa mandarina e o framboesa concentrada. Dous cítricos e unha variante do vermello para darlle unha inxección de enerxía ao armario.

O outono-inverno 2016/2017 está cheo de cor
Lacoste apóstao todo ao laranxa mandarina para este outono-inverno

O limón intenso, tamén coñecido como citron fizz, vén prolongar o particular idilio entre trendsetters e as cores ácidas, do que a célebre cazadora perfecto amarela de Zara é o mellor exemplo. Pola súa banda, o laranxa mandarina trae ecos retro, evocando a eterna moda setenteira. Miu Miu empregouno fai unhas temporadas en propostas de aires masculinos e en combinación con estampados tapiceiros, unha mestura de plena actualidade esta temporada. E se de vermellos se trata, o rouge convertido en imprescindible para a maquillaxe dos beizos esténdese á roupa gracias a tons intensos que coquetean co rosa. Este outono, as froitas reinarán na paleta cromática.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @balenciaga, @stellamccartney, @lacoste