E os “superalimentos” desta temporada son…

Cada temporada coñecemos máis superalimentos

De pequen@s tíñamoslles manía, tanta que nin o forzudo Popeye conseguiu convencernos de que eran saudables -por moito lobby que fixese coas súas espinacas-. Hoxe, pola contra, rendémoslles culto e encomendámonos a elas para blindar a nosa saúde e retrasar o envellecemento. As verduras e as froitas prestan. Tamén os cereais integrais. E canto máis raros sexan e exóticos soen os seus nomes, mellor. Os “superalimentos” chegaron á nosa dieta para quedaren e a súa lista non deixa de medrar esta temporada.

Que tire a primeira pedra quen non oíse falar da quinoa. Ou quen non bebese nunca té verde porque seica ten propiedades depurativas. Cada vez falamos máis de “alimentos-menciña“, algo que semella ultramoderno e que @s nos@s maiores xa estudiaron antes ca nós. Sen campañas de marketing polo medio, por suposto. Pero o certo é que nos últimos anos o saudable converteuse no novo canon de beleza, unha especie de pasaporte ao éxito.

Así que convencid@s de que as froitas, as verduras e mesmo as algas conteñen nutrintes cuxo beneficio para a nosa saúde é maior que os doutros alimentos, non nos queda máis ca tentar seguirlle a pista ás últimas novidades en “superalimentos”. Iso sí, desde a Fundación Española da Nutrición (FEN), a investigadora Paula Rodríguez advirte de que tampouco podemos esperar milagres.

Esta temporada falaremos de:

Espirulina

Esta alga de cor verde azulado que se atopa xeralmente en forma de pós preparados en zume pisa forte no Reino Unido e comeza a darse a coñecer en España. É rica en proteínas e vitaminas do grupo B, ademais de en betacarotenos (antioxidantes), fibra e minerais como o potasio, o magnesio, o fósforo e o ferro. Sen esquecer que contén ácidos grasos esenciais. Todo un maná, designado pola Organización Mundial da Saúde (O.M.S.) como un elemento clave para combater a desnutrición nos países en vías de desenvolvemento. Nós aplicámolo para tratar desde a anemia ata o sobrepeso.

Kale

O kale é un dos superalimentos máis populares
A col kale, decorativa e saludable

Na sección de receitas de Goop, esa biblia do estilo de vida que xestiona Gwyneth Paltrow, é un ingrediente imprescindible. Como o é para @s que seguen o ideario healthy ao pé da letra. Cal é a razón do seu éxito? Este tipo de col rizada destaca polas súas altas doses en calcio e a grande cantidade de vitamina C, A e K que contén. Pero iso non é todo, pois, ao igual cá espirulina, ten moito ferro, fibra e poucas calorías. De aí que teña propiedades antioxidantes e axude a protexer a saúde dos ollos.

Kamut

É o gran descoñecido nesta lista, aínda que por pouco tempo. Son moit@s @s que din que o kamut é a nova quinoa. Trátase dunha variante do trigo, a máis antiga. Igual cá col kale, o seu contido en selenio, zinc e vitamina E fai del un potente antioxidante natural. Reduce os temidos radicais libres e o estado inflamatorio. É unha gran fonte de enerxía grazas aos hidratos de carbono que ten, o que fai del un nutrinte saciante. Un estudio publicado no European Journal of Clinical Nutrition amosou que o kamut pode contribuír a reducir un 8% o colesterol LDL (ese que coñecemos como “malo”).

A quinoa é o superalimento por excelencia
Sentes curiosidade pola quinoa, ese alimento todopoderoso?

Quinoa

Malia que o apoxeo da paixón pola quinoa se viviu aló polo 2013, esta semente segue a ser un imprescindible na cesta da compra d@s amig@s dos “superalimentos”. Pouco queda por dicir dela. Presenta unha maior cantidade de proteínas e graxas insaturadas (ácido omega 6 e 3) ca cereais como o trigo ou o paínzo. Ademais, é rica en fibra e minerais como o potasio, o magnesio, o fósforo, o ferro ou o zinc. Ás vantaxes do kamut súmalle que se pode empregar como substituto dos cereais en dietas para celíac@s.

@Ce_FerSan