E se houbese un Tinder pensado por mulleres?

Se Tinder fose creado por mulleres, sería así

Cantas veces temos lido e escoitado comentarios acusando a Tinder de fomentar unha visión frívola e utilitaria das relacións persoais? De ser unha base de datos para xente que só busca encontros sexuais esporádicos e fomenta a frustración naqueles/-as que agardan atopar homes e mulleres compatibles cos que compartir algo máis. Poida que a fin da súa hexemonía estea máis preto. As mulleres reinventan o mercado do dating.

Segundo un estudo elaborado pola consultora Global Web Index en 2016, o 62% d@s usuari@s de aplicacións de citas a nivel mundial son homes, o que fai que as mulleres estean máis solicitadas. Iso respondería ao patrón tradicional nas relacións heterosexuais, nas que o home tende a levar a iniciativa, sendo máis activo, directo, explícito.

O funcionamento da maioría das apps estilo Tinder é semellante: botan man de algoritmos que crean emparellamentos potenciais baseados a cotío nos respectivos perfís de Facebook. En función da información recibida -e, para que negalo, das fotografías que a acompañan- @ usuari@ vai descartando candidat@s e seleccionando con quen quere contactar. A súa estética é agresiva, convertendo a mulleres e homes en obxectos de xuízo público e de valoración.

Para contrarrestar esa perspectiva, naceron webs como Adoptauntio.es, que convertía o proceso nun irónico “supermercado do amor” no que eran elas as que levaban a voz cantante. Pero facer dos homes unha simple mercadoría non semella ser a solución ideal para conseguir que tanto uns coma outras gocen dunha experiencia satisfactoria e respectuosa online.

Susie Lee, fundadora de Siren, rebelábase contra a filosofía dominante e, en 2015, lanzaba a campaña #MoreThanMeat (“máis ca carne”), un cancelo ben elocuente que reivindicaba que as apps de citas nos traten como persoas. Mais non é a única que pensa dese xeito. Descubramos outras propostas feitas por e para mulleres (e desencantados de Tinder).

Entre as apps para mulleres, destaca Bumble
Bumble: novas amizades… ou o que xurda!

Bumble

Despois de poñer a andar Tinder con dous socios, Whitney Wolfe deixou a compañía entre acusacións de discriminación sexual e acoso. Para marcar distancias e para resarcirse, Wolfe creou a súa propia app de citas: Bumble. Nela, son as mulleres as que levan a iniciativa á hora de comezar unha conversa. Teñen 24 horas para amosar o seu interese por algunha das suxerencias recibidas. De non facelo, a conexión desaparecerá. A novidade de Bumble é a mensaxería con fotos, que teñen unha marca de auga co nome d@ usuari@ para evitar a súa manipulación ou mal uso.

Coffee Meets Bagel

As irmás Arum, Dawoon e Soo Kang crearon esta app co obxectivo de ofrecer calidade fronte a cantidade no terreo das citas online. Ao igual ca moitas outras, usa información obtida do perfil de Facebook d@s usuari@s, pero neste caso as suxerencias que ofrece están orientadas a establecer relacións entre amig@s de amig@s. Recíbese unha proposta ao día, e no caso de que ambas partes acepten ser presentadas, a aplicación envía unha mensaxe cunha pregunta que sirva para romper o xeo.  As creadoras -moi optimistas sobre o potencial desta proposta-, defínena como o novo Match.com.

Siren

En 2014, lanzábase a fase beta desta aplicación. A súa co-fundadora, Susan Lee, explicaba que para ela “Tinder é como unha festa universitaria constante. Nunca irías así pola vida, e esperamos crear, grazas á tecnoloxía, un espazo más humano no que a xente se coñeza e resolva o problema da soidade”. O obxectivo de Siren é que @s usuari@s sexan eles e elas mesmos, comportándose coa naturalidade dun ambiente offline. Para conseguilo, segue un modelo de preguntas e respostas que serve de marco para a conversa. Así vanse dando a coñecer progresivamente, sen presión engadida por “venderse”.

Muapp

Ademais de no panorama anglosaxón, tamén atopamos apps de citas pensadas por e para mulleres en España. Marta Nicolás, xunto coa súa socia Lucía Chávarri, considera que este feito diferencial supón un valor engadido. “Por moito que un home tente entender unha muller, nunca terá a mesma empatía que nós coas usuarias”, sinala. “Temos outras prioridades, e vese nas aplicacións que foron creadas por homes”, remacha. Por iso, en Muapp apostan por transmitir fiabilidade a través dunha maior información para seleccionar perfís compatibles.

Muapp vai dirixida a mulleres con personalidade
“Ladies first” é o lema desta aplicación española

Poida que os homes non sexan de Marte nin as mulleres, de Venus, pero semella que en cuestión de apps para buscar parella… os camiños non sempre se atopan.

@Ce_FerSan / Fotos: Cortesía de Bumble e Muapp