E se o pan kosher estivese a piques de converterse en viral?

O pan 'kosher' esténdese polas panadarías

O pan e, canda el, as panadarías e tafonas de vello viven un momento dourado tan inesperado como delicioso. Coa beizón da rama foodie do movemento hipster, a rehabilitación deste elemento esencial da nosa cociña é imparable. A curiosidade que esperta é directamente proporcional ao número de variedades exóticas que se comercializan. De sementes, de centeo, con especias ou de masa nai: moitas son as fórmulas habituais que xa nos van sabendo a pouco. Por iso, guiad@s por unha gula nada pecaminosa, buscamos alicientes na tradición panadeira que triunfa alén das nosas fronteiras: a do pan kosher.

Despois de que en 2016 o mundo sucumbise ao pastrami, a gastronomía hebrea está de novo en voga. E todo grazas a esa inmensa fábrica de tendencias que é Williamsburg, o barrio máis trendy de Brooklyn. Coa maior concentración de hipsters por metro cadrado de Nova York e a máis notable comunidade xudía da cidade, era cuestión de tempo que os seus camiños volvesen cruzarse. Entre restaurantes e ultramarinos ortodoxos, as horas da post-modernidade apodéranse agora da liturxia do pan kosher.

E é que este bocado, coñecido de maneira xenérica como challah, é, en realidade, un alimento ritual. Baixo esta denominación, agóchanse múltiples variantes destinadas ás celebracións xudías, aínda que a máis popular sexa unha especie de brioche trenzado.

O pan 'kosher' chega a España co aval 'hipster'
Sexa en forma de trenza ou non, o pan xudeu é moi vistoso

É costume que, o vernes pola mañá, as mulleres xudías elaboren este pan ou saian mercalo para telo listo para o shabbat. Faise con auga quente, azucre, sal, fermento e aceite, e o resultado é unha masa suave e cun toque doce. Unha vez amasado, a tradición manda que belisquen un anaco -do tamaño dunha noz, aproximadamente- e o separen do resto. Ese pedazo queimarase no forno e non valerá para comer, pois representa esa parte de nós que non nos gusta e temos que separar da nosa natureza. O malo queda así carbonizado, reducido ao plano terreal.

Con ese aroma tan característico, as casas vanse preparando para o día máis espiritual da semana. Durante o shabbat, acompañaranse as tres comidas con pan kosher, símbolo da perfección material e da elevación do ser humano, para honrar a Yahweh.

O pan 'kosher' é esencial nas celebracións xudías
Este pan representa o maná, así como a unión do material e o inmaterial

Poida que para horror d@s ultras, o interese por este alimento non deixa de medrar entre @s xentís. Sen reparar na dimensión relixiosa do pan kosher, tanto se transforma en sobremesa (engadíndolle un chisco de zume de laranxa ou mesmo chocolate) como se converte no brunch de moda. O reclamo exótico da súa forma é a clave. Katerina Gozlan, que rexenta o madrileño Gourmet Kosher, subliña que “a forma trenzada viste calquera mesa e comida”. É é que, en tempos de selfies e exposición mediática, nin a cociña tradicional hebrea se libra de caer nas redes de Instagram.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @covenantisraelwines, @amar__rafi, @mangercasheretbiobyemma