Editorial nº 1

Que difícil é presentarse, romper o xeo, e máis cando a presentación non é das de bicos e apertas, senón das que requiren dunha certa solemnidade e cerimonial. E que importante é esa primeira impresión, decisiva, pois dela pode xurdir tanto a maior das complicidades como a máis fonda das antipatías.

Neste xaneiro -mes proclive ás novidades, aos proxectos e aos propósitos de enmenda (firmes ou non tanto)- presentámonos diante do universo internauta galego cunha revista debaixo do brazo: Coolt.

Iniciamos andaina da man dunha madriña de excepción, Sés, esa rockeira cantareira que pon voz ao noso día a día e cor aos nosos escenarios. Ela lémbranos a necesidade de reivindicar o propio sen por iso perder o gusto de explorar o diferente. Sen etiquetas. Tronzando os valos.

Muros e barreiras son contra os que aínda baten milleiros de mulleres nos seus postos de traballo. Porque a desigualdade segue a ser un mal maior nas nosas sociedades, poida que poñela en cifras, visibilizala, sexa o primeiro paso para atallala.

Mais no número 1 de Coolt tamén hai espazo para temas máis desenfadados, encabezados polo último na moda desta temporada. Revival, vintage e aires bohemios marcan tendencia de novo sobre as pasarelas internacionais. O flower power non só tingue as coleccións de inspiración setenteira, senón que inspira unha nova vaga de tratamentos anti-estrés. Pintar flores relaxa, si, como o fai dedicarlle un tempo diario á lectura. Na redacción vimos de rematar La chica del tren, o thriller dos últimos meses, e xa andamos lendo o seguinte. Pero diso falaremos en febreiro…

Gozade deste número. Ogallá que desta presentación xurda unha paixón (lectora) a primeira vista.