Editorial nº 10

Di Risto Mejide -e de marketing el entende o seu- que @s bloggers son os novos referentes culturais. Como antes o fora James Dean. Ou Martin Luther King. Ou Alaska en plena febre da Movida. Por curiosidade case antropolóxica -e porque en Galicia temos unhas das blogueiras máis populares do país e da contorna-, decidimos achegarnos ao fenómeno. Así que este outubro, a estrela de Coolt é Alexandra Pereira, é dicir, a cara visible do célebre blog Lovely Pepa.

Poida que non falasemos de filosofía ou repasasemos o estado da nación, mais conversar con ela é unha boa oportunidade para coñecer de preto non só unha mostra do que é a economía dixital, esa na que a influencia vale o seu peso en ouro, senón tamén a mentalidade millennial.

Quen pense que a Xeración Y só se alimenta de frivolidade é que non le entre as liñas das súas manifestacións públicas. Tomemos, por exemplo, a unha das mulleres máis influíntes no eido do entretemento global: Lena Dunham. Girls, convertida en biblia do neo-feminismo urbanita, é un faro que ilumina as inseguridades de milleiros de rapazas que transitan pola complexa década dos 20. Como o fan as mensaxes de Beyonce, prototipo de muller forte e independente (campañas de imaxe á parte). Xa non é tempo de sufraxistas, pero quedan moitas batallas cotiás por librar.

Porén, entre tanto debate sisudo, en outubro non descoidamos os pequenos praceres da vida: o bo comer, as boas lecturas, o descanso e o benestar físico e emocional. Para deixarte co mel nos beizos, adiantámosche que a última moda #foodie é acudir a bares onde na carta só figuran cereais.

Xa está aquí un novo número de Coolt. Feliz lectura.