Editorial nº 11

Escribir é un acto terapéutico. Converter o pensamento nunha realidade visible, case tanxible, axuda a poñerlle orde aos caos no que ás veces se move a nosa mente.

Nunha era na que teclear ou darlle aos polgares ameaza con facernos esquecer as normas da ortografía e da gramática da nosa propia lingua, coller bolígrafo e papel pode semellar unha regresión, un paso atrás nunha certa escala evolutiva. Mais é, porén, un xesto de rebeldía, unha revolta íntima fronte á velocidade, á urxencia, á présa que goberna as nosas vidas. Por iso non nos sorprende achar que a práctica da caligrafía é a última terapia anti-estrés. Quen a probou califícaa de hipnótica, simplemente adictiva.

Facer copias de escritura releva aos libros para pintar de 2015. As modas veñen e van, ao mesmo ritmo frenético cás tendencias nas pasarelas. Mais no fondo (de armario) sempre queda un pouso que permite ir navegando entre estridencias e novidades, mantendo un certo estilo sen correr demasiados riscos. Un abrigo navy é unha desas prendas atemporais que convén ter sempre na reserva. Este outono-inverno avecíñase unha zona de baixas presións gobernada pola colección cápsula de Gigi Hadid para Tommy Hilfiger. Napoleón Bonaparte fusiónase co Capitán Nemo para darlle vida á chaqueta máis imitada do momento.

A moda está no aire, pois transcende os seus propios lindes. É unha arte, e non debera sorprendernos que como tal se relacione con outras artes en pé de igualdade. Espido Freire, autora de referencia dentro e fóra de España, é sometida a escrutinio e xulgada pola vocación estética do seu exitoso blog persoal. E que se unha escritora goza posando, elixindo o outfit do día, comentando aspectos triviais da existencia? A literatura, como o deseño, é unha procura constante dun certo ideal de beleza mediante o exercicio da creatividade.

Esta é a nosa pequena contribución mensual ao seu culto. Novembro, ese mes con sabor a xoves, que anticipa a emoción dun tempo que está á volta da esquina, vén cheo de artigos de obrigada lectura. Porque esta tamén pode ser curativa.